domingo, 22 de abril de 2012

FELICIANO PATEIRO


FELICIANO PATEIRO

Feliciano amigo de vellos refráns e mariñeiro de oficio, traballou ata a súa xubilación en varias compañías estranxeiras, tanto de buques mercantes como nas plataformas petrolíferas.

Cultivouse - como di el - lendo a bordo dos barcos durante anos, a enciclopedia Océano que mercara en México por uns vinte pesos, esa foi a súa única fonte cultural e de lecturas, ademais de visitar mais de trinta países e centos de cidades: “ viaxar foi a parte mais importante da miña educación, porque quen non sal nunca da súa terra, só ten un xeito de pensar e facer as cousas, e non coñece o que se fai e se cavila por aí afora”.

Feliciano ten dúas teimas: o seu agarimo polo mar, e a xenreira cas mulleres- por mor dun fondo desengano - culpa segundo manifesta, dun compañeiro desleal que lle roubou o amor da súa vida.
Chegoume a dicir un día que todas as mullereseran o segundo error de Deus, citando a Nietzsche sen sabelo quizabes.

Non o sabía pero que mais me dixocando lle apuntei a orixe da cita.
Non ves que todos andamos a roubar e repetir o que xa dixeron ou escribiron outros antes ca nos... Especialmente vos, os políticos. E mentres roubedes palabras toda vai ben.

Eu manteño pola miña experiencia aquelo que din os mais vellos : da muller, do vento e do mar, non te podes fiar... E agora nin dos bispos nin dos banqueiros.

O “Pateiro” xubílose, e pasea pola Ría de Arousa nunha dorna pintada de domingo a que chama Sabela en honor a súa nai, “a única muller boa que coñecín”.

Miña intención era facerlle dende hai tempo unha entrevista, na que me contara a súa experiencia persoal dos seus viaxes en procura de traballo, que lle obrigaban a relacionarse, falar e convivir a bordo con alemáns, holandeses, ou noruegueses.

Invitoume esta fin de sema a dar unha volta na dorna e aceptei de bo grado.
Non para ir pescar, senón para que te sintas arrolado pola mar, como no colo das naiciñas, e tomes notas relaxadas desa trapallada de entrevista que me queres facer.

Merquei por levar algún agasallo, un pouco de queixo, pan e viño; unhas latas de bocartes e, un sombreiro de palla para coidarme do inexistente sol.
As oito e media da maña embarcamos desde o peirao de Palmeira.
As nove xa estabamos no medio da ría de Arousa.
Desde esa posición os pobos parecían ordenados, ben encaixados, bonitos... fíxenllo saber e contestoume coa perspectiva do viaxeiro filosofo :

A distancia e moi boa para a imaxinación, a pintura e a política...a medida que te acercas as cousas e as persoas, descobres o mal que se levan moitas delas en relación co que coidabas de lonxe.

Entreille a saco sen mais voltas, e pedinlle me contara como eran aqueles viaxes seus, desde Galicia ata os portos de embarque europeos.

Nada que recorde con mais alegría e bote mais en falla que aqueles bos tempos pasados. Eses recordos son mellor riqueza que teño, porque cartos non fixen, e a miña pensión este goberno estáma a escarallar.

A cousa era ben doada daquela, dous ou tres compañeiros axustabamos un taxi en Ribeira, que tiña a obriga de nos levar ata o mesmo peirao de destino.

Polo camiño faciamos algunhas cousas que nin te conto, e gozabamos dunhas boas vacacións turísticas o noso xeito.

Parabamos a xantar e beber cando nos petaba, como fan de sempre os ricos.

Nada mais chegar a porto do embarque despedíamos o taxista,dabámoslle unha boa propina, subiamos a bordo, cada quen o seu barco, e acabouse a historia.

Utilizabades moi pouco o avión...?

Iso veu anos despois, era mais aburrido co carallo e por riba pasabamos medo a cachón.
Chegabas a cidade do embarque nunhas horas; alí collías un taxi do país que te levaba ata o barco; deste xeito rematouse o viaxar vivindo o camiño, e acabáronse as risas e as foliadas xunto cas xentes deses países.

Que tal vos entendiades no caso de preguntar algunha cousa?

A cousa non tiña moito aquel; os cartos son os cartos, a cervexa, a alegría e igual en todas partes, todos son mais ou menos veciños nestas cousas...

Cando viaxabamos en avión, o chegar o aeroporto collías un taxista daqueles, que son mais ou menos coma os de Ribeira, e dicíaslles : veciño, lévame a esta dirección do porto, dirección que levabas escrita nun papel... levábate axiña e xa esta!.

Si pero logo cando chegabas o pe do barco, como amañabas?

Pois coma ía facer, tes cada pregunta, chamaba a calquera mariñeiro de a bordo desde o embarcadoiro : veciño, son un compañeiro, avisa o capitán que teño que entregarlle a cartilla de navegación !. E ca mesma subía a bordo co macuto.

O pouco chegaba o capitán; eu presentábame, explicáballe de onde viña, de quen era eu e mais o meu oficio, a miña experiencia noutros barcos, e logo entregáballe a cartilla de navegación e uns documentos da armadora, acabábase así o conto, e a traballar.

Polo que me dis supoño cos capitáns era galegos, non si?

Os capitáns que eu coñecín daquela eran alemáns, holandeses, daneses, ou noruegueses...

Logo, me queres dicir como te entendías con eles para darlle tantas explicacións?.

Ti pareces parvo, como queres que me entendera, en galego!

Calei avergoñado. Xantamos os bocartes, e bebinmos un albariño pasable.

Feliciano sorrindo estrañamente botoume na dorna unha cantiga alamana que soaba moi ben,  e aínda que eu non sei alemán, cantaruxei  a música como se fai co himno español...






















xoves, 29 de marzo de 2012

A PARTEIRA DE BOIMIL


                                                A PARTEIRA DE BOIMIL

Cóntame o Sr. Norberto, nonaxenario intelixente e con moito mundo recorrido, que un dos problemas que hoxe temos en boa medida esquecido, - uns por non ter memoria histórica algunha e outros por ter desaparecido xa -, é, non recordar como se vivía na nosa Terra fai unhas poucas decenas de anos.

Por esa razón, dime, non se defende agora como debera, o que se ten mellorado nos case corenta anos últimos, porque a maioría dos mozos de hoxe nunca tiveron que loitar por conseguilo e, parécelles a eles e a moita xente mais, que o que se logrou foi o natural e deuse polo simple paso do tempo, ou produciuse pola bondade innata dos poderosos.

Recórdame Norberto que daquela, as pensións eran inexistentes ou tan cativas que mataban de fame os seus destinatarios; a ausencia dunha sanidade universal, publica e gratuíta, arruinaba as familias menos podentes no caso de enfermar; a incomunicación entre cidades e pobos era o normal pola carencia de accesos; a falla case total de equipamentos e infraestruturas eran a tónica xeral; existían unha ruín rede de escolas no rural e, nas que a maioría dos alumnos apenas chegaban a aprender a ler e coñecer as catro regras; alimentabámonos moi mal...e a única saída laboral digna para moitos cidadáns era a emigración.

Pregunteille a Norberto pola sanidade e a saúde daquela, - por centrar a conversa nun asunto preocupante hoxe por mor da privatización e do copago- , pedíndolle me relatase o mais salientable que el recordara en relación cas enfermidades na aldea na que vivira, e dicir, asuntos como: quen atendía os doentes do concello; quen axudaba a traer o mundo ós meniños; ou cales eran os remedios terapéuticos mais utilizados...?

Atendía os nacementos, me di, a señora Manuela, a parteira, e o facía en varias parroquias do arredor.

Era unha muller que non sabia ler nin escribir e que tivera tres fillos de Raul da Ponte, outros dous de Chao da Crus, e un mais que morreu o nacer.

Non sei se foi de tanta practica propia ou por outras razóns, pero o caso é que ela era a requirida, cando se poñía de parto calquera muller.
Chegaba esta muller as casas ó lombo dunha burra chamada Loliña, e comentaba sempre que,de burra abaixo non hai mellor besta para se desprazar polos rueiros.

Mandaba a Sra. Manuela recoller os da casa unha gavela de toxos, e lles prendía lume na lareira.

Poñía espida a parturenta de costas ó fume pero moi preto del, e dáballe a beber unha cunca moi quente de leite con mel e unhas herbas. Con aqueles remedios, dicía ela, ou paria, ou se era unha falsa alarma, se detiñan as contraccións.

Nese último caso deixaba dito, que estaría atenta para cando fora en serio a cousa, e marchaba.

Si a criatura viña de cu, enchía as mans de aceite e dáballe a volta o pequeno axiña; mellor non che explico como...

Manuela curaba tamén as cataratas con un pelo de porco bravo que primeiro fervía en auga, e logo introducía no ollo do afectado.

Quedaba o pelo en forma de asa colgando do ollo e, despois duns días, dáballe uns golpes na caluga o doente,e con moi coidado arrincaba a catarata enteira.
¡ Non fallaba!.

Facía tamén Manuela de compoñedora, e cando algún veciño rompía unha perna ou mancaba un brazo, colocaba o oso no seu lugar exacto, botáballe vinagre de viño o membro, e logo preparaba unha masa con centeo que facía de escaiola na extremidade superior ou inferior; agardaba a que a masa endurecese e, logo mandábache descansar ca recomendación de ter a perna ou o brazo en determinada posición de quince a trinta días, de acordo ca gravidade da fractura.
Despois de aquela cura visitaba o enfermo tres veces a sema para controlar a súa recuperación, charlar un pouco con el, e xantar ca familia como pago polos servizos prestados.

Logo de escoitar a Norberto, comprendín mellor de onde sacaba Cunqueiro algúns dos persoeiros da súa Escola de Menciñeiros.

E tamén imaxino cal foi a orixe remota do copago sanitario.








sábado, 24 de marzo de 2012

TER ALGO QUE DICIR, E DICILO BEN





Nun xantar organizado polo meu concello, con motivo do día das letras galegas, déronse cita, fai disto mais de vinte anos, un grupo dos intelectuais galegos de entón.

Eu tiven a honra e a sorte de poder estar alí, e mais de escoitar con moita atención os asuntos que se comentaron no decurso daquel xantar.

Recordo que asistiran a xuntanza : D. Antón Fraguas; Domingo Garcia Sabell; Francisco del Riego; Isaac Diaz Pardo, Borobó...

Falouse un pouco de todo; de política, de literatura, de arte, e dos vellos amigos.

Un dos intelectuais presentes contounos en primeira persoa, unha anécdota relacionada con D. Ramón María del Valle Inclán, acontecida no portal da residencia do escritor na Porta do Camiño.

O asunto tiña que ver co gasto común da luz da casa, que orixinaba D. Ramón o deixar acendidas as luces das escaleiras cando chegaba pola noite.
Negábao D. Ramón e, porfiaba a porteira que engadía maliciosamente:nas circunstancias nas que vostede chega as veces non é de estrañar que se esqueza de apagalas....

Aquela frase montou a liorta e os berros posteriores de Valle no portal.
O fío dos mesmos acercouse un fillo da porteira, un mozo delgado, con mala cor, que levaba posta unha bata, pantuflas, tusía, e tiña síntomas de padecer tise.
O mozo agarrouse do ganchete da súa nai coma para protexela, e asistiu calado a forte discusión na que Valle, sen repetirse nunca, aldraxaba e alcumaba a porteira duns vinte xeitos diferentes...
O acompañante de D. Ramón, e dicir o relator desta historia, convenceu o escritor de que era mellor marchar e non perder mais tempo respondendo as criticas desta muller.
Valle Inclán aceptou de mala gaña esta suxestión, atravesou o lintel do portal,e volvéndose de súpeto, sinalou o fillo enfermo da porteira co seu dedo índice mentres lle espetaba:e vostede mozo mórrase dunha vez, que é a súa obriga !.

Quedamos abraiados o escoitar esta maldade de D. Ramón.

Tomou a palabra Borobó para nos ratificar que a anécdota era certa, e mirando de esguello para o narrador da mesma deixou caer, que dos persoeiros que participaron na mesma faltaba un ; o acompañante habitual de Valle Inclán, e dicir D. Arturo Cuadrado, e non o comentarista da mesma nesta ocasión, que nada tivera que ver nela.

Collido no renuncio o relator, primeiro pediu desculpas con ton arrepentido, e fíxonos saber que tiña repetida tantas veces esta historia que ata el mesmo chegou crer que formaba parte da mesma.

Segundos despois, e brillándolle os ollos puxese en pé; fíxose un silencio na mesa, mirounos un a un de xeito desafiante, e díxonos en ton solemne:Meus queridos amigos o certo é que a historia é verdadeira; certo é tamén que eu non estaba alí, pero... ¡ a que o contei moi ben!...”.

Rímonos todos de bo grado e seguiuse falando doutras cuestións.

Aprendín daquela que ter algo interesante que contar e sabelo dicir ben, forma parte das boas historias, porque, aínda que nunca o dicir ben deba estar por riba do que se ten que dicir, o dicilo con xeito e gracia, axuda polo menos a que se lle preste atención o relator.

En política case ninguén conta ben o que ten que dicir, porque en política hoxe somos todos un pouco contables ou técnicos, e nesta retórica que é parente da ciencia, hai pouca marxe para a imaxinación e para a boas historias.

O respecto escribe D. José Ignacio Wert, nun manual de recente publicación da FAES (Fundación para o Análise e os Estudios Sociais), antes das eleccións últimas que :debe evitarse a toda costa as promesas que non se poidan cumprir...e deben facerse os programas sen demasiados compromisos cifrados, porque, é mellor afrontar a critica e a imprecisión, que o repudio e o incumprimento”.

Ven a dicirnos, que sen mentir non se debe contar toda a verdade os cidadáns. E supoño que non o recomenda por discreción, senón por comenencia electoral e raposada.

O malo é que a crise despertou tanto medo, tanta incerteza e imaxinación nos cidadáns, que chegan a confundir os desexos, esperanzas e fantasías propios, co pouco que se lles di e aclara por certos responsables políticos, que por riba nin tan sequera saben contar o que han facer no goberno con certa decencia e claridade.