sábado, 15 de outubro de 2011

Don Evaristo, mestre de escola


A pedagoxía pode ser un unha cuestión de estímulos pero precisa sempre de mestres que os saiban incitar nos seus alumnos. Coñezo a un deses mestres de escola que de xeito sinxelo explica as cuestións máis complicadas de forma moi orixinal. Don Evaristo, que é así como se chama este mestre, deu clases no Courel durante moitos anos e polo visto a altura osixenoulle as ideas. Agora tense achegado “por puntos” a Compostela e imparte coñecementos básicos para a vida, segundo manifesta: “non só de letras e ciencias illadas unhas das outras, senón de todo elo relacionado”.
Don Evaristo é moi afeccionado ás ciencias naturais. Tantos anos en contacto coa natureza no Courel acabaron por marcar as súas diferenzas encol dos gustos intelectuais cos mestres da cidade. O caso é que sempre atopa relacións entre as matemáticas, a filosofía, a literatura ou a física, para mellor expoñer ós seus alumnos calquera cuestión. Os Gases Perfectos de Gay-Lussac son o seu ideal físico dun comportamento axustado as leis. Di Don Evaristo, que os Gases Perfectos son así porque responden a condicións de presión, temperatura e volume e dan sempre curvas exactas e repetibles. Ao respecto, advírtelle os seus alumnos que as realidades dos homes son outra cousa menos perfecta, porque non se axustan ou comportan así, e por iso case sempre acaban frustrándonos cando non calculamos ben entre o resultado final e o esperado.
Onte comentábame un alumno seu, que Don Evaristo, lles tiña posto como exemplo despois de ler o periódico na clase, as raposadas dun coñecido político que serviu fai tempo ás ordes de Manuel Fraga e hoxe ás de Feijóo.
Agora, díxolles: “asina rotundos artigos, con solucións sobre a crise económica como o que ven neste diario. Por iso antes de ler estas opinións e crelas sen máis, debedes procurar coñecer a vida e as cousas que fixo no seu traballo o autor, neste caso o político, para comprobar canto se aproxima ós gases perfectos, é dicir ó ideal que agardamos entre o dito e ó feito”.
Porque, segundo Don Evaristo, ese personaxe tiña por norma buscar sempre desculpas externas dos erros de vulto que cometía e dos seus incumprimentos, que eran moitos. E así, as diferenzas entre o que dicía ía facer e o que facía na práctica eran enormes... Igual que cando variamos as presións e as temperaturas dos gases...
Hoxe, comentou Don Evaristo: “a responsabilidade do que está a pasar no Goberno de Galicia, e ás persoas que están á fronte do mesmo, empezan a semellarse a este político, porque os erros e os seus incumprimentos: ou son competencia de Madrid, ou son consecuencia da crise, ou débense ó mal feito pola oposición cando era goberno”. E claro está, como a nosa boa xente non coñece ou esquece a historia destes políticos; non comproba cal é a presión e temperatura social; nin calcula ben o volume de electores, obtén resultados imperfectos!, e así nos vai a todos...

Ningún comentario:

Publicar un comentario