sábado, 15 de outubro de 2011

O Cuco

Don Evaristo chegou alporizado a clase. Ao parecer despois de moitos anos como cliente dunha caixa de aforros non lle concederan un creto por causas que non chegou a explicarnos. Quizais por iso na clase falounos hoxe do cuco. Díxonos que serviría moi ben para poñer ao descuberto comportamentos lagarteiros de algúns homes e institucións. Os cucos, comentou: son paxaros que reparten os seus ovos en niños doutras especies como as carruxas ou os paporrubios. Unha vez os ovos rompen a casca, o cuquiño expulsa e tira pola borda nun descoido os seus medios irmáns, e logo esixe a gritos aos seus pais adoptivos que o alimenten. Os pais crían e atenden con agarimo a este que cren fillo único sen se decatar que manteñen a un parasito, a un oportunista desaprensivo e a un estafador. Pois aínda que vos custe traballo crelo, aclarou Don Evaristo, algúns homes e mulleres aprenderon a imitar moi ben o cuco e as súas raposadas, colándose dentro dos niños da política e da administración como cabalos de troia, dispostos a servir intereses alleos ao ben común.
Pódese, por exemplo, cualificar un terreo porque lle convén a un promotor; ou adxudicar unha obra ou servizo indebidamente, e só fai falla un cuco polo medio. Estes cucos conseguen as cousas co mínimo esforzo e sempre a costa do traballo e da confianza que os demais teñen neles, pois son como se foran da familia.
A desgraza, comentounos o mestre, é que boa parte da nosa sociedade os admira e considera moi intelixentes, cando non son máis que raposeiros a secas. E o peor é que a moitos deses admiradores lles gustaría ser tamén cucos. Hai moitos tipos de cucos, seguiu explicándonos, eu ben sei que están aniñando entre empresas e nas finanzas especialmente coa compracencia e interese de algunhas xentes dos negocios.
Tamén hai cucos nas caixas de aforros, institucións que viñan desde sempre atendendo as necesidades de pequenos aforradores coma min, dos pequenos negocios, e desenvolvían tamén unha obra social. Algúns cucos desde o cerne das caixas desviaron parte destes obxectivos cara o mundo da construción, dos grandes negocios e da especulación. E agora, na crise, ninguén sabe que facer: se se deben fusionar e que mande unha soa en Galicia ou se desaparecer, e que manden outras de fóra ... máis cucas.
Nestas, un alumno dos pequenos preguntoulle o mestre na clase: E non hai forma de descubrilos antes de que nos tiren do niño a todos e nos fagan moito mal don Evaristo?
O mestre calmouse de súpeto e ollando con tenrura para el, sorriu e contestoulle :“Só hai unha forma de coñecelos e descubrilos Xanciño, pero hai que ter moita valentía persoal e política para actuar contra deles sen medo e ás veces sen moita esperanza.”
Coido que Xanciño non entendeu polo momento a mensaxe, pero estase preparando ben con don Evaristo para saber como facelo cando sexa máis grande e saiba máis dos trucos dos cucos... 

Ningún comentario:

Publicar un comentario