sábado, 15 de outubro de 2011

Faladoiros e comentaristas


Contábame un veterano periodista que hai dous tipos de faladoiros: os que organizan os grandes medios en horas punta de audiencia, con profesionais moi documentados e con importantes contactos, e logo, todos os demais. Teñen estes programas un obxectivo común: opinar e comentar sobre as noticias relevantes do día.
Estiven fai unha sema nun faladoiro os que se vai de boa fe, sen preparar nada, deses que se atenden por amizade. “Podes vir maña, que teño un oco, falloume fulaniña?” “¡Non faltaba mais alí estarei!
Contoume alí o director do programa que : “Os políticos veñen case por obriga, para defender as súas posicións como din eles, os demais por gusto a polémica, e haiche bos polemistas. Vouche presentar un deles”.
Presentoumo, e tiven ocasión de falar co comentarista afeccionado que me explicou con moita énfase antes de comezar o programa o seguinte: “Cada día e máis difícil construír un clima de tolerancia e colaboración se partimos de posicións ideolóxicas encontradas.” Miroume cos ollos entre pechados e sentín un arrepío. “Era mellor que non viñeran aquí ‘os políticos’”,dixo cuspindo as palabras.
É complicado, “facer diálogos diferentes aos politicamente correctos. Cómenche a moral os ortodoxos, as feministas, e ata os renovadores que veñen... Cada día costa mais falar de metas cobizosas sen molestar aos defensores da economía libre. Pero a pesares de todo, ¡gústame debater, rifar!. Por iso veño a estes debates”.
¡Quedei ca boca aberta escoitándoo! Falaba coma un político resabido, pero era so un amable empregado dunha tenda da cidade.
Pregunteille cheo de sorpresa que opinaba sobre a dificultade de preparar un faladoiro. Gustoulle o asunto e animouse outra vez... “Os comentaristas falamos do que nos mandan os xestores da opinión, é dicir os que deciden que sae ou non sae nos medios de comunicación. Non ó temos difícil, só hai que ler a prensa do día para saber de que temos que opinar.
E como o diario atende con preferencia os escándalos e máis os espectáculos, falamos desas bullas case en exclusiva.” ¡Así calquera pode ser comentarista nun faladoiro!, retruqueille.
Medio incomodouse e contestoume algo irado: “calquera non, como non pode ser músico ou poeta calquera polo feito de tocar as teclas do piano ou escribir un poema; hai que saber que tecla tocar, e como facer brotar emocións da alma do público”.
Xa abraiado de todo, volvín a preguntarlle por preguntar: “¿Non tedes algunhas veces discusións parvas?” Votouse a sorrir. Sentirlle rinchar os dentes como se os afiase antes de me atacar, e respondeu:
“So haiche un tipo de discusión babeca, a que se ten de cando en vez con persoas que entenden moito do asunto a discutir. Así non hai maneira. Se saben moito pérdese intres, espontaneidade e protagonismo.”
Marchei sen me despedir nun descoido do director antes de comezar o programa.
Xa non estou para estas lerias.

Ningún comentario:

Publicar un comentario