sábado, 15 de outubro de 2011

Don Xusto de Seráns, ex concelleiro


Don Xusto de Seráns, foi ata fai uns anos un político de vocación que exerceu a súa labor nun concello da Ría de Muros e Noia. Hoxe está xa retirado pola entrada claramente renovadora no seu concello dunha mociña de 19 anos, estudante de dereito e segura promesa  política segundo os dirixentes do seu partido. Gústalle a Xusto falar cos amigos no Bar das Furnas do que  entende por política real, que segundo o seu punto de vista só é aquela que “ten pouca maxia, pouca relixión e pouca desculpa”. É aquela política “na que se fan cousas útiles para a xente”, di resumidamente.
Fun entrevistalo á súa casa por dúas razóns, a primeira pola vella amizade que nos une, a segunda porque prepara –se o avisas con tempo– as mellores empanadas de toda Galicia, cunha sabia mestura de fariña de centeo e millo, unha zaragallada, e un polbo macho da ría...
Na conversa,  foime  debullando opinións e recordos sobre o seu traballo municipal. Algunha destas reflexións as escribo tal e coma el as contou: “Un dos problemas máis sorprendentes cos que me atopei no concello foi a estraña evidencia de que canto máis traballo útil a prol do pobo desenvolvía, máis cabreo dos veciños e da prensa se daban. Os cidadáns están afeitos a que se lles fagan poucas cousas, e cando empezas a traballar arreo senten un malestar irresistible que estáche en relación cas obras desenvolvidas e, que é directamente proporcional ao número destas...”. Logo sendo así –pregunteille–, que faciades no goberno? “Hai  dúas maneiras de afrontar os problemas das obras nos Concellos: Unha, darlle solución, isto molesta aos veciños pero é necesario aínda que a nós non nos dá voto algún; a segunda, non resolvelos e botarlle a culpa en caso de protestas as outras administracións, ao mal tempo, á falla de cartos, e todo o que se che ocorra menos a Xunta...”.  E por que non a Xunta? –volvín  preguntarlle.
 “Pareces parvo, e ti que sabes disto o preguntas? Esta Xunta é inatacable, se os incomodas, cagáchela. Ni vas ter axudas, nin subvencións; nin a prensa nin a televisión vai falar ben do que fagas... No fondo tes que elixir entre ser coñecido ou ser útil, pero non as dúas cousas ao mesmo tempo. Se queres ser coñecido hai que falar moito de cousas que nada teñan que ver ca política real, e, se queres ser útil entón hai que facer obras, mellorar os servizos, controlar o urbanismo, expropiar, cabrear os amigos e veciños,criticar o Goberno Galego... e deste xeito, vas de cu...!
No primeiro caso o mais recomendable é crear emocións, porque cantos máis sustos, cantos máis escándalos descubras ou inventes menor necesidade tes de facer as cousas útiles. Porque imos ver; ti fíxate no noso Goberno: están ou non paradas as grandes infraestruturas?, Aumentou ou non o desemprego?; Están suspendidas ou non as contratacións de moitas obras públicas? E mentres tanto de que se falou e fala? Dos Audis, ou da segunda facultade de Medicina, do AVE, da corrupción, das pelexas de Rajoy e ZP, e das mocións de censura,”...
A empanada estábavos riquisima,pero a conversa como podedes ler foi a dun entrañable vello un pouco trasnoitado e mal educado coma min , ao que hai que perdoarlle as parvadas fóra de lugar que di sobre o noso extraordinario coñecido e case máxico Goberno do Feijóo. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario