sábado, 15 de outubro de 2011

Meu Sobriño periodista


Meu sobriño Iago sempre foi un mozo alegre e vitalista que soñaba con ser periodista, e que chegou a conseguilo aló polos anos oitenta. Ben é certo que en grande medida gracias aos sacrificios económicos do meu irmán que decidiu envialo a estudiar a unha universidade desas na que non é preciso ter tanta nota de corte como cartos.
Iaguiño mantiña cando era estudiante, que a profesión de periodista é semellante a de investigador a tempo completo. Moito patear as rúas, moito preguntar aquí e acolá . Unha profesión que supón conectar cos intereses da sociedade e das persoas dicía. E logo, informar sen máis!... Porque a realidade paga a pena.
No seu primeiro emprego advertíronlle, segundo me contou, que o titular da noticia era unha das claves do periódico. Un titular e unha foto con un pé nesta vale por toda unha información... Dixéronlle tamén que non se preocupase moito deste asunto, porque iso xa o resolvían outros máis experimentados. Tamén lle fixeron saber que o rigor, a precisión da noticia, tiña case sempre que sacrificarse pola rapidez e o inmediato desta, polo tanto tampouco tiña que se preocupar pola exactitude. E por último advertíronlle no diario no que traballaba en prácticas, que a importancia da información veraz quedaba supeditada á liña editorial.
Eso quere dicir, explicoume daquela, que para o meu periódico por exemplo a moderación económica non ten nada que ver ca moderación das ganancias.
Iago estivo na Asemblea Internacional da Prensa de Venecia do ano 93, tiña moitas gañas de ir aló, porque axudaba no seu “currículo” ao estar un pouco viaxado. En Italia aprendeu que existen certos comportamentos éticos e profesionais a rexeitar na profesión.
Ao parecer, contáranlles nunha conferencia un afamado periodista que: “existían algúns periodistas que se dedicaban a extorsionar e que eran escravos da súa vaidade e rancor, que cobraban por non difamar ou criticar a políticos e a empresas determinadas, e que logo se erixían diante do público como símbolo da pureza e azoute dos corruptos”. Apréndese moito viaxando díxonos nada máis volver á casa.
Iago hoxe cubre festas de sociedade e de empresa no seu periódico con grande éxito. Ten un teléfono móbil, e un bo ordenador. Polo teléfono fala co xefe da redacción nos casos de dúbida, e tamén cos clientes para facer as entrevistas aforrando tempo e recursos.
Co seu ordenador redacta estupendas crónicas nas que recolle moitas suxestións dos clientes que saen nas fotos sorrindo sempre...
Iago ten moito éxito con este formato, sobre todo nos actos de empresa, e nas vodas importantes.
Deu coa fórmula ideal, a formula participativa por excelencia, que ben sendo un pouco a opinión e a información compartida entre clientes e medio, acompañadas de fotografías e de alta tecnoloxía... “O ordenador, os teléfonos móbiles e un lapis electrónico axudan moito a profesión”, mantén agora coa experiencia e sabedoría que dan os anos de exercicio periodístico.
Non sei logo a razón pola que Iago ten tanta tristura nos seus ollos, e tanto desacougo na alma. Co ben que lle vai agora nesa profesión tan independente, prestixiosa e importante!

Ningún comentario:

Publicar un comentario