sábado, 15 de outubro de 2011

O señor Roncudo


Señor Director: non sei se vostede coñece que existe un oráculo en San Adrián de Corme. O pitoníso despacha nun con da Praia da Ermida unhas veces, e outras veces ( se chove) na Furna de Osmo.
A profesión de adiviño como vostede sabe é o segundo oficio mais vello do mundo, e, na nosa Terra ten bos especialistas.
O señor Roncudo que é como se lle coñece a este meigo noso, é un sabio que máis que deducir cientificamente, adiviña sen doutrinas. O asombroso é que acerta de cheo nas predicións as máis das veces con unha precisión arrepiante o consultado.
O señor Roncudo ao igual cós clásicos vellos gregos non coñece a incerteza, quizais porque non estudou a Heissemberg.
Eu, señor Director confésolle que consulto de cando en vez co señor Roncudo asuntos de política, economía e sociedade, e o fago por ter perdida a fe en expertos e catedráticos sempre sometidos a ríxida formula maxistral galega que de xeito resumido ven dicir “ se non é boi, é vaca”.
O señor Roncudo cobra honorarios polas consultas. Os máis caros os relacionados ca economía, os máis baratos os asuntos laborais como o desemprego e paro. Estes son case gratuítos, coincidindo neste punto curiosamente cos responsables da CEOE.
Precisamente fai días preocupado polas enorme cifra de parados e, os problemas do traballo, acerqueime por Corme para obter unha predición fiable e algunha posible solución do adiviño nesta cuestión palpitante.
Roncudo miroume ao rematar a miña formulación entornando os ollos, e con certa altiveza agresiva preguntoume de súpeto onde traballaba e canto gañaba ao mes... Eu ben coidei que estaba a matinar a posible factura contributiva. Equivocábame.
Díxome de xeito algo airado: “Sendo funcionario e cobrando o que cobras, nin sabes o que é o paro nin entendes o que é unha necesidade, tí o que tes é curiosidade non preocupación.”
Ti cres sinceiramente que moitos funcionarios; moitos executivos importantes, moitos empresarios creerían nas receitas que propoñen se as tiveran que aplicar neles mesmos? Eu así non traballo. Ti non buscas respostas, andas na procura de escribir un articulo en Xornal de Galicia.
Velaí señor Director como Roncudo dun xeito ou doutro sempre acerta... Xa lle contarei.

Ningún comentario:

Publicar un comentario