xoves, 16 de febreiro de 2012

XATCOBEO


Si quieres ser feliz como me dices,
no analices muchacho no analices...

                                                                                             (Dun poema de Batrina)


O Xatcobeo é un satélite artificial galego, deseñado na Universidade de Vigo, concretamente na Escola de Enxeñeiros de Telecomunicacións, que xa comezou a emitir sinales intelixentes desde a súa órbita no espacio.

Dinme os amigos desa Universidade, que xa pronunciou as súas primeira “verbas” en forma de chíos, que despois de descodificados queren dicir:vexo Vigo, vexo Cangas, tamén vexo Redondela...

O pico satélite, e pequeneiro e baixiño, pesa menos do quilo e ten dez centímetros de altura, pero é quen de re configurar o seu sofware e así evitar lo risco de caer axiña a terra.

Calcula este satélite a radiación solar en tempos de serias tormentas como as que estamos a vivir, e desprega uns pequenos paneis solares para comer, e sacar peito. Mais ou menos como os de aqueles que traballan na economía somerxida.

Advírtenme os seus deseñadores que está programado para vivir ata onde poida, asunto este que coñecida a súa situación e a  estas alturas será pola súa conta e risco, tal e como tamén nos está sucedendo a case todos, e deberá facelo xa que logo, sen plans de futuro, porque por alí por onde anda non hai entidades de creto, polo momento, que queiran asegurar e protexer a Xat.

Se formara parte dunha urbanización de luxo, por exemplo na praia da Lanzada, sería outra cousa, sei que lle dixeron o Reitor da Universidade de Vigo os directivos dun banco importante.

Estes detalles e circunstancias do seu nacemento, seguridade e  viaxe non llos programaron, pois non era cousa de deprimir un pico satélite tan sensible.

Ten capacidade de abondo para escoitar no espazo as ondas electromagnéticas de radio, e retransmitilas despois, pero ten limitada a autorización para sacar conclusións e, aínda que a lóxica instalada no seu cerebro permitiríalle facelo, os seus creadores decidiron que as conclusións quedaran reservadas para os medios de comunicación, que son os mellores e mais independentes informadores posibles como todos sabemos.

Xa pillou ou captou Xat - así o chaman na intimidade - , unhas cantas ondas deslabazadas de radiofrecuencia remitidas o éter desde a terra hoxe, onte, antonte ou fai un mes , porque os rebotes na ionosfera son moi atravesados e complexos para coñecer de certo esa variable.

As inconexas frases recollidas inicialmente por Xat, soaron así o chegar a terra de volta :

Si se piden sacrificios, os que mais gañan deben dar exemplo”... “Este ano descartamos subir impostos”...“¡ Como Deus manda!”...O PP é o partido dos traballadores, non me cansarei de dicilo”...“Queremos unha reforma laboral que cree emprego e non co destrúa”... “Si nos seis primeiros meses non me montan tres folgas xerais, non o estarei facendo ben”...

Xat, enviounas de segundas a estación de seguimento, logo dun exercicio clarificador de síntese da súa lóxica borrosa interna, e  as traduzo deste xeito:

O PP é o partido dos traballadores que mais gaña; se nos piden sacrificios este ano, descartamos subirnos os impostos.
Queremos unha reforma laboral como Deus manda para crear emprego, e o estaremos a facer ben, se non temos tres folgas en seis meses.”

Despois engadiu Xat pola súa conta: “ Si as frases que lles remito non encaixan cos feitos, por favor, cambien os feitos!”...

Sei que houbo aplausos emocionados na estación de seguimento...

Ningún comentario:

Publicar un comentario