mércores, 10 de outubro de 2012

O SAN MARTIÑO


O SAN MARTIÑO

Contaba meu avóseu curmán Antón de Vilariño tiña un aquel de retórica utilitarista que lle saía de xeito espontáneo.

Nunha ocasión e despois de ter criado durante un ano enteiro un porco de enormes dimensións, polo San Martiño levouno a vender a Feira do Trece.

O porco en cuestión tiña un corpo largo, fociño ancho e gordo, lombo ben arqueado, e as patas e pezuños resistentes, as orellas grandes e caídas e, uns xamóns enormes que abaneaba con soltura cadenciosa de porco ben mantido.

Tiña unha eiva.
De pequeno un fento ou un toxo, - disto non se ten seguridade -, téñalle perforado o ollo dereito, e agora de maior o tiña chuchado, pero conservaba a mirada raposeira no ollo esquerdo o que abondaba para facer vida normal.

Tivo o animal unha moi boa aceptación entre dous tratantes da feira que rifaban por mercalo. Un dáballe un prezo, e, o outro o subía un chisco mais, nunha especie de poxa entre eles dous.

Ó cabo dun tempo, coma a disputa entre ambos non era negocio para ningún, un retirouse seguindo a vella tradición de non competir neste tipo de tratos, pudendo evitalo.

O que quedou, comezou novamente a dar voltas ó redor do animal, a apalpalo, e, a remiralo, ata que dou co ollo choco.

A partires de lle atopar a eiva, púxose regateiro, e pretendeu rebaixar o prezo do animal explicándolle a Antón o descubrimento de aquel ollo mirrado, aquel ollo baleiro, daquela mirada estraña do porco, aquel defecto visual do probe de animal...

O Antón calaba, e apoiado no seu bastón miraba para ningures sen prestarlle moita atención ó tratante.

Cando se cansou de escoitalo, soltoulle con moita pachorra diante dos amigos e mais dos espectadores curiosos o seguinte parrafeo:

Pero imos ver home de Dios, vostede quere o porco para a matanza do San Martiño, ou para que lle lea o periódico?.

As risas dos presentes foran tantas e tan fortes, co tratante, collido polo argumento do uso e fin do porco, pagou axiña o axustado previamente, e marchou avergoñado porco sen mais...

O meu avó sacáballe sempre punta ó conto e aconsellábame daquela:

Cando sexas maior e teñas que traballar ou facer negocios, ten moito coidado cando anden polo medio certos tratantes, van sempre a te pretender enganar confundindo os fins cos medios...e ós porcos cas eleccións...

As coñecelos moi ben porque comprométense a unha cousa e fan a contraria, din tamén, que van facer pontes onde non hai ríos, casas no mar, e mais, subirlle a pensión ós xubilados...







Ningún comentario:

Publicar un comentario