mércores, 28 de novembro de 2012

O HUMOR NEGRO DE DOUS BOS AMIGOS




O HUMOR NEGRO DE DOUS BOS AMIGOS


Foron dous bos camaradas meticulosamente neutrais en relación cos misterios do mais aló.

Foron dous bos amigos que tiñan aprendido como enfrontar, con doses de humor , situacións difíciles para se consolar un ó outro. O Sr. Bao e Don Naveces.

Gastaban un humor cheo de realidades antropolóxicas que eles coñecían ben, debido a súa convivencia cas enfermidades propias e alleas.

Ámbolos dous falaban e se rían da ponte incluso antes de ter cruzado o río da vida.
Aínda recordo a última conversa entre eles...

Cando vaia para o meu “chale”do cemiterio, aló polas Terras do Ulla, téñoche que chamar polo móbil o teu refuxio de Boisaca.

E, ata se queres, podemos botar unhas partidas telefónicas a brisca.

Contestoulle daquela Naveces ...

Mira, mellor vai ti diante, chámote eu, e pago a conferencia de boa gaña...

Despois daquela brincadeira rían a cachón os dous...

Esa mesma tarde contou Bao, que sendo el rapaz, cando se daba por perdida toda esperanza de vida dun enfermo nunha casa da parroquia, as familias avisaban ós veciños e os parentes que vivían lonxe, e fornecíanse de comida e bebida para lle ofrecer ós que foran chegando mentres agardaban pola defunción.

Recordaba o caso dun veciño chamado Rouco, que lle encargou o seu fillo, cando xa se atopaba moi mal, que fora a mercar un bo viño para ofrecer no seu pasamento...

O fillo, bastante avarento e cotroso, despois de moito insistirlle seu pai, mercou unha barrica de un ribeiro moi bo.
Chegou con el a casa e doullo a probar, en pequenos grolos os parentes e amigos, advertíndolles que tiña un prezo excesivo, pero que a ocasión ben o merecía.

Un dos familiares despois de concordar que era un viño excelente, suxeriulle- de xeito algo imprudente - , que lle levara unha proba o seu pai case agónico...

Ala foron con unha cunca de viño o cuarto do probe do pai, o fillo, e varios dos presentes entre os que se encontraba o señor Bao.

O fillo contábanos Bao:

Levantoulle a caluga da almofada o seu pai, e fíxolle beber un trago de aquel viño do Ribeiro.

O pai moi de paseniño abriu un ollo, logo o outro, colleu unha man do fillo entre as súas e con unha voz moi apoucada díxolle.

Filliño este viño fai resucitar os mortos.

Todos os presentes sorrimos con tenrura e moita pena, menos o fillo que lle respondeu anoxado :

Non toque o carallo papa, co gasto esta feito!.

E que hai fillos, dicíanos Bao, que non teñen sensibilidade para saber cando han calar...
















Ningún comentario:

Publicar un comentario