martes, 19 de marzo de 2013

TEMPO DE COCIDOS



TEMPO DE COCIDOS


Tempo de cocidos. Daqueles que levan xamón e lacón, orella, costela, carne fresca, touciño, chourizos e grelos ou repolo, galiña e garavanzos.

Cocidos que piden calma no comer, e na repartición das sustancias no prato, coma aconsellaría Cunqueiro.

Fun comer a aldea cos meus parentes un cocido deses. Antes chamábanse “ cocidos de crego”. Sóubome a gloria gastronómica galega.

Serviuse en tres fontes - como mandan os canons-, nun, a carne de porco, noutro a carne fresca e a galiña, e no terceiro, as patacas, os chourizos e os garavanzos xunto cos grelos.

Un tinto redondo afroitado acompañounos todo o tempo, aconsellando o ceo da boca co cámbeo de sabores oportuno.

Filloas, orellas e chulas de sobremesa. As lambetadas!

Falamos das cousas ledas,e das preocupantes.
Falamos da familia, dos que están e dos que xa se foron, do paro, da sanidade e da educación, das pensións e outra vez por desgracia, da emigración...

E dicir falamos do que fala Rajoy sinceramente tódolos días, supoño que na intimidade da súa casa ou con algún amigo da alma.
E quizabes sexa moito supoñer, porque para falar destas cousas hai que sentilas e ata sufrilas en carne propia, e non parece ser o caso.

Contamos chistes e anécdotas.

Fíxonos gracia un dos comensais cando nos pediu permiso para visitar a un “primo” que acababa de ser pai, e que vivía nunha parroquia cércana.

Un dos presentes o corrixiuno agarimosamente :
― Será que vas visitar ó teu curmán non?.

Así se di en galego, respondeulle...

―Claro home claro, e como nos estamos a falar en inglés...!!! Foi a resposta retranqueira.

Estas cousas pasan, cando se responde un momento antes de ter pensado o que se ten que dicir.

Estas cousas pásanlle tódolos días a este goberno, e mais non se lle reclaman colectivamente mais coñecementos, sensibilidade e prudencia no falar e no facer.

Este goberno podería dicir cousas interesantes se fixera e dixera o contrario do que fai e do que di. Comenta outro comensal.

E que perden mais tempo falando dos problemas e xustificando as decisións, que en resolver algunha cousa. Di un terceiro.

Rematamos a xuntanza entre risas, sentencias e filloas.

O xantar do cocido foi bo este ano; pero aínda foi mellor foi a presenza da familia e dos amigos, os recordos actualizados, a conversa e as brincadeiras.

Ata o ano que ven se Deus quere.

Ningún comentario:

Publicar un comentario