mércores, 23 de outubro de 2013

UNHA VIDA COMA OUTRAS MOITAS

UNHA VIDA COMA OUTRAS MOITAS

Segundo me di, nada na vida lle foi doado. Non lle veu mal, porque as cousas para que se estimen teñen que custar.
Naceu anos despois de rematar a guerra civil, e nunca soubo o que era unha indixestión, ata a voda do seu irmán maior aló polos años cincuenta e tantos.

A fame non era nin franquista nin comunista, era fame nada mais..
Sobre todo era fame de alimentos que ate fai ben pouco tempo eran normais: fame de polo, de un cocido, ou dun pastel...
Daquela tiñamos fame na miña casa de esas cousas, e algúns, coma meu pai, tiñan fame de liberdade e democracia.
Hoxe, eu teño poucos ideais políticos, será porque viaxei e vin moito, e outra vez empezo a ter gañas de un bo filete de tenreira.

Recordo que fun a clases ata os dez anos a escola de dona Rosario,- unha mestra sen oposición estatal - , na Rúa de Fonseca, nun pequeno baixo que daba os xardíns.
Tódolos días ó chegar, rezabamos unha oración e liamos cada un de nos un texto dun libro de autores clásicos.
De cando en vez tiñas que parar a lectura, para explicarlle a Dona Rosario o que tiñas lido.

A iso agora chámanllecomprensión lectora. Polo visto moitos rapaces non entenden o que len. O malo disto, coido eu, e que si non es quen de comprender ben o que les, é que non entendes os demais, logo non deberas nin de opinar nin poder votar nas eleccións.

Daquela, despois duns meses, e unha vez lle collías o aquel, non fallaba ninguén nas explicacións, salvo o Roque, que era un pouco parvo pero con moita memoria.
Co paso dos anos Roque rematou a carreira de dereito. Chamabámoslle Don Roque.
Eu acabei de revisor nos autobuses, que esixe andar moito tempo dereito.

Teño feito moito a vista gorda cando algunha persoa maior viaxaba sen billete. Recordábanme todos eles ó meu pai que ía e viña de traballar a pe, desde o Castiñeiriño ate San Caetano, onde estaba taller de carpintería de Don Ulpiano no que traballaba.
Dicía na casa entre risas, que así aforraba para o molete do xantar, e mais, que era moi san facer algo de exercicio.
Agora recomendan os médicos facer exercicio para manter a boa forma física, e controlar a dieta.
Nos o que tiñamos daquela era a dieta moi ben controlada.
Meu pai tiña a dieta e mais o exercicio, e como nunca ascendeu de oficial de segunda no seu choio, sempre tivo que traballar arreo, porque o traballo no noso País sempre o fan os que non ascenden de categoría.

A miña empresa de transporte facía moi ben o seu cometido e chegaba a todas partes, en consecuencia arruinouse, e acabamos daquela todos no paro.
Segundo me explicaron despois unha empresa de transporte, canto mellor faga o seu traballo menos eficiente é, porque polo visto non é rendible chegar a moitos lugares recollendo xente.

Logo, no ano setenta acabei marchando para Suíza a traballar de peón da construción ata que me xubilei.
Alí aprendín francés e mais italiano que son xeitos diferentes de ver a vida, e a conta destes idiomas, valoro mais o meu galego e mais o español dos libros de Dona Rosario, que me ensinaron a ler, a falar, e a comprender cousas importantes e semellantes en todos os idiomas.

O mundo ensinoume a calar, e niso andamos todos aquí polo que vexo, a calar cheos de medo atroz fomentado polo goberno, e pensando que poden pasar fame outra vez os nosos fillos...
E mentres tanto, os socialistas que ides dicir e facer ?...








Ningún comentario:

Publicar un comentario