venres, 24 de xaneiro de 2014

BAIXO A PEL DA GUERRA

BAIXO A PEL DA GUERRA


Desde fai anos véñolle insistindo por escrito a Steven Spielbergque busque tempo para ler o guión que lle remitín, sobre unha historia da guerra submarina que aconteceu na nosa terra galega, aló polo anos corenta.
Baixo a súa dirección cinematográfica, explicáballe na miña carta, vostede filmaría unha película de solidariedade universal, nas terras do fin do mundo.
A resposta, supoño que da súa secretaria, veu a dicirme moi afectuosamente, que é unha magoa que a historia no fora a dun submarino norte americano...

As pescudas sobre o acontecido en cuestión, resumiunas meu irmán nun libro, no que investigou o acontecido daquela por un submarino alemán, o U 966, co emblema
Gut Holz”, que quere dicir, “boa madeira”, capitaneado por un novo oficial chamado Eckkehard Wolf, recen licenciado na Escola Naval Militar alemana.

As 4 da madrugada do día 9 de Novembro de 1943, este submarino, foi detectado moi preto das costas galegas por vez primeira, por un avión Wellington da RAF, e produciuse un primeiro enfrontamento.
Posteriormente, o 10 de Novembro, o localizan outros avións ingleses e no combate alcanzan de cheo o submarino nas proximidades de Punta Maeda, na Ría do Barqueiro.

A nave se foi a pique, e levou no seu cerne a varios mariñeiros.
O resto da tripulación saltou a auga.

Desde a Vila do Barqueiro organizase o rescate entre os patróns, mariñeiros, e veciños da zona.

Correron moitos con mantas de abrigo das casas, con cafés quentes, botellas de augardente, prestan atencións sanitarias básicas; as toallas empápanse de fuel e sangue, as mulleres afánanse en limpar corpos e feridas dos mariños como se foran os seus irmáns, noivos ou maridos; as nais acariñan a tripulación coma se foran seus fillos, eses que tantas veces devolve o mar, cando quere...

Os mariñeiros do Barqueiro fálanlle a tripulación alemá en galego, eles parecen entendelos, e agradecen calados os coidados e atencións co sorriso perdido na tristura das súas facianas.

Días despois o comandante Wolf, é enviado a Madrid, ca desculpa dunha grave enfermidade, e pouco despois se certifica falsamente polas autoridades españolas a súa morte.

Wolf, agora se chama Weber, e xa en Alemaña, segue loitando,  o fronte de unha compañía de infantes da mariña.

Pouco despois de rematar a guerra, Wolf, casase e ten dous fillos.

Tres anos despois regresa a O Barqueiro, e a visita de verán repetiráse unha e outra vez durante anos.
Faise coñecido na Vila aquel home da pipa con forte acento estranxeiro, que fai amigos entre os mariñeiros e veciños.

Un día do verano do 1978, Wolf falece, e nas súas últimas vontades dispón que as súas cinzas sexan arroxadas o mar en Estaca de Bares.
E así se fixo en presenza dos fillos, da viúva, e de varios compañeiros alemanes do militar.
Varias embarcacións de Bares e do Barqueiro con amigos, coñecidos e veciños, son a testemuña de aquel feito, que rematou co afundimento das cinzas dentro dunha pesada caixa,sobre o lugar onde estivera afundido o submarino.

Un do fillos de Wolf coñece unha moza do Barqueiro, casa con ela, e a leva a vivir a Hamburgo.
Despois ano tras ano, a moza regresa novamente a Vila, agora ca súa familia alemá.

Fun ó Barqueiro. Tiña que ir para recuperar recordos de algún coñecido de Wolf.
Fun na procura de encontrar alí os restos dunha solidariedade que compense a pouca de hoxe. 
Fun buscar unha frase solta, un pensamento altruísta dos tempos daquela terrible guerra.
Algúns, moi poucos, quedan, e fálanme de lembranzas dispersas de aquel xogador de dominó e de cartas, de aquel bebedor de coñac no bar do peirao, durante moitos veráns.

Xoubiña,(nome ficticio) -non quere que escriba o seu nome verdadeiro-, é un vello mariñeiro do Barqueiro, ten mais de oitenta anos, ollos azuis, andar ergueito, e pouco falador.

Levoume varios días, gañar a súa confianza. 
El, si coñecera ben a Wolf, (en alemán Lobo), e mais súa dona Anneliese.
Foi pescar fanecas, pintos e maragotas en moitas ocasións, coCapitán Lobo. Xogou cos seus fillos o fútbol na praia de Area Longa.

O Capitán era mal pescador de liña e cana, pero era bo mariño.
Explicoume cousas da profesión que eu descoñecía. E regaloume unha lanterna do U-966 que aínda funciona.
Eu era un rapaz moi novo, o Capitán chamábame Xoubiña, e quedoume ese alcume para sempre.

O Capitán, tiña querenza por Hamburgo, e polo Barqueiro.
Dicíame que nada tiñan que envexar os peixes do Barqueiro cos de Hamburgo, e, que os mariscos, incluso eran moito mais saborosos os de aquí.
Contábame co “Labskaus”, unha carne que alí preparan con patacas asadas, melloraría moito cas patacas e tenreira nosa.

Recordo coma se fora hoxe, que un dia quedou mirando moi serio desde o bote fixamente cara Punta Maeda, e me dixo coma se estivera falando para el: Xoubiña, cando teñas fillos, cóntalle que a guerra e terrible, porque somos os pais quen os levamos a morrer nela.
A guerra non da sentido a morte por moito que falen diso con palabras moi patrióticas, aqueles que a dirixen desde lonxe.

Nada me ten entristecido mais co recordo dos camaradas mortos en Maeda. Diante deles síntome sempre culpable.
Nada me ten dado mais esperanzas nos homes, ca axuda xenerosa de todo un pobo aquel día, o teu pobo Xoubiña, o pobo do Barqueiro... !

Desde aquela coido, que o Capitán Lobo, era moito mais do Barqueiro, que moitos de nos.!. E desde aquela tamén sei o que significa comportarse con dignidade...






Ningún comentario:

Publicar un comentario