mércores, 5 de febreiro de 2014

O MOLETE DE PAN

O MOLETE DE PAN


Saín da casa as dez da mañá, fun buscar un molete de pan de medio quilo.
Edelmiro de Cuns,tamén saíu da súa, o fixo para ir buscar traballo, aínda que fora un deses de media xornada.
Eu, xubilado pola idade, sentíame aínda mozo. Edelmiro, dez anos mais novo ca min, e no paro, síntese xubilado e vello.
Atopámonos os dous na Rúa Santiago de Chile, preto da panadería dos franceses.
Chovía mansamente. E puxémonos a falar.

Ti vas comer, eu vou en procura de ter que comer... Os ricos coma ti, comen cando queren, os probes cando podemos...

Quedei abraiado. Resulta que eu era rico sen sabelo. !

É unha broma, me dixo, o ver a miña faciana de sorpresa.

Como van as cousas Edelmiro?.

Pois ti xa ves, estou cavilando entre comprar un Ferrari ou un Bugatti Veyron...ou pedirlle no restaurante Mahia, que me preparen para levar, hoxe xoves, e, o fiado, unha ración de callos...

E como está a túa dona. ?

Dándolle voltas a cabeza, non sabe se contratar un cruceiro no Silver Whisper para visitar a Polinesia e Nova Zelanda, ou facer a limpeza na casa de o Ramón, e da Rosa.
Páganlle nove euros a hora. Mais co salario mínimo imposto a Merkel, polos social demócratas en Alemaña... !

Seguía a chover, e facía frío. O cartel luminoso da farmacia anunciaba sete grados, pero iso que chaman os meteorólogos, sensación térmica, que ven sendo o frío sentido nos pes, no cu, e a nas mans, suxería a metade desa temperatura...inviteino a tomar un café quente, no bar de Choupin.
Non dixo que non.

Falamos dos tempos pasados e felices, para así nos entristecer un pouco solidariamente os dous. Tamén para poñernos en situación, e para nos equiparar con xustiza en tempo pasado. El, polas súas dificultades reais de hoxe, eu, polas alegrías de antano.

Tomamos unha copa de caña que comezou nacendo dunhas gotas no café... pero unhas gotas levaron a outras, e coma seguía a chover, aquelo fíxose botella de perrasca completa, e finalmente converteuse as 12 da maña, en chea cicloxénica, ou borracheira perfecta.

Non sei ben do que falamos, pero falamos moito, e rimos a cachón, lémbrome que non nos prometemos nada cara o futuro, para non nos defraudar un o outro, como fixo este goberno... E, o nos despedir, démonos unha grande aperta... Despois non recordo ben o que pasou...

Cheguei a casa as catro en punto, levoume a ela un policía municipal amigo meu, que lle dixo a miña dona que caera na rúa por mor dos cascotes dunha obra. Da única obra pública que estaban a facer en Compostela.

Non ten nada grave, pero tiveron que pórlle no Hospital, unha inxección contra o tétanos e o ten un pouco aparvado...Que se deite e durma unhas horas, iso sentaralle moi ben...

So recordo que lle dixen a tropezóns e con cara de pillaban a miña muller :“os que somos de casa rica, ou de casa rica descendemos, ou comemos tarde ou non comemos...”!.

Souben que o Edelmiro chegou as cinco e media o seu fogar.

Sei que sorría ca mirada perdida ollando a súa muller, e sei que levaba un molete de medio quilo baixo o brazo, envolvido nun pano ou mantel que poñía, Bar Choupin, que arrecendía desde lonxe a augardente...
















Ningún comentario:

Publicar un comentario