sábado, 22 de febreiro de 2014

UNHA HISTORIA ARREPIANTE

UNHA HISTORIA ARREPIANTE


Don Antonio foi enfermeiro no vello Hospital Provincial durante moitos anos.
Poñía inxeccións da mañá a noite con unha ducia de xeringas que esterilizaba nunha autoclave vella despois de cada uso.

As agullas gastadas de mil picadas, as afiaba unha e outra vez con unha pequena pedra especial ate recuperarlles o bisel axeitado.

Tiña o Antonio varios amigos médicos co trataban con moita consideración e afecto.
Dicían del diante dos alumnos de medicina, e dos enfermos, que non coñecían maior esperto encoller veas.
O Antonio sentíase na gloria con aqueles cumpridos dos seus xefes, co levaban sempre de axudante nas exploración, curas, e tomas de mostras dos doentes.

Un día, contoume unha historia arrepiante:

Acompañei ó forense e o seu axudante a realizar unha autopsia no Hospital.
Tratábase dunha muller con creto de meiga chuchona,que fora asasinada nunha parroquia da Estrada. Acoitelaranlle a gorxa de parte a parte con unha fouce...
Era experta en feitizos e, presumía de seren amiga do maligno... co que pactaba, se facía falla.

O lugar onde repousaba o cadáver da bruxa atopábase no soto do Hospital, e, a el, accedíase a traveso dunha escaleira empinada que tiña na metade do camiño o interruptor da luz.
Unha chapuza do Secundino noso electricista, carpinteiro e bedel todo a un tempo...
O final dos chanzos, encontrábase unha mesa de autopsias na que agardaban moi quedos os defuntos mortos violentamente.

Aquela noite, unha forte treboada fíxonos quedar sen luz antes de chegar o mortuorio dúas veces.
Os lóstregos, iluminaban a traveso das ventás a nosa marcha. Recordei nas sombras proxectadas a Santa Compaña. Non se falou de nada no camiño. O vento zoaba nas fiestras e semellaba o chorar dun doente.

O enfocar a escaleira a escuras, baixamos os tres case collidos das mans para non caer,e iluminados por un misto.
Nestas, o misto apagouse, e cando diriximos a vista cara adiante, vimos uns ollos acesos arrepiantes, pestanexando a altura do lugar onde se debía atopar a mesa de autopsias... e mais a meiga...

Démoslle inmediatamente as costas o soto e subimos entolecidos, tropezando uns nos outros hasta o primeiro andar.

Alí o forense pálido e tremelicando, foi quen de acender outro misto e dixo con un fío de voz:

Non é científico, polo tanto, non e posible, en conclusión, non pode seren certo!...

Nisto, veu a luz de novo o corredor, e o forense ordenoume de súpeto :Antonio, baixe vostede diante, prenda a luz, e logo chámenos!...

Baixei, non quedaba outra.
Mellor non pensar en nada, me dixen mentres descendía de paseniño, sen respirar e ca man no escapulario, mentres repetía polo baixo unha e outra vez: San Silvestre, San Silvestre, meigas fora!
Dinlle o interruptor cos ollos pechados...

Abrinnos lentamente..., e alí mesmo, sobre a mesa, a carón da defunta, o cabrón do gato do bedel, ollaba fixamente para min...!











Ningún comentario:

Publicar un comentario