sábado, 5 de abril de 2014

BREIXO O UROMANTE

BREIXO O UROMANTE

O Breixo e mais eu, levabamos no bar unhas tres horas e seis xarras de cervexa falando de cousas de ir e vir. Tamén fixeramos dúas viaxes ó escusado, a baleirar parte do bebido.
Na terceira micción coincidimos os dous nas gañas, e fomos xuntos, coma fan case sempre as mulleres, non sei ben porque razón...

Estando na faena, Breixo mirándome de esguello soltoume:

Non sei si o sabías, pero eu son uromante...

Debín, pola de sorpresa da miña faciana, facerlle comprender que non entendía a que raios se estaba a referir, entón completou a súa explicación.

Un uromante é unha persoa que practica a uromancia, e dicir a arte de adiviñar pola urina,e dicir polo mexo, o que ha de acontecerlle a xente.

Cortóuseme a medias a billa da miña vexiga por tres razóns; a primeira pola impresión da sorprendente confesión do meu amigo; a segunda porque Breixo xa tiña dirixida a súa mirada directamente o meu chorro, (mellor o meu fío prostático), e, en terceiro lugar, porque con un movemento rápido, estaba tentando recoller no seu vaso da cervexa, unha mostra das miñas augas menores, invadindo o sacrosanto espazo de meu baixo ventre.

Peguei un brinco e salvei coma puiden os pantalóns de acabar mollados.
Berreille, mirón, bébedo!...

Non te alarmes rapaz, xa vin bastante, aínda que é mellor observar o mexado nun recipiente axeitado...

Regresamos a mesa en silencio, alí o Breixo comezou a contarme que levaba anos anticipándose ós acontecementos, adiviñando o futuro de moitas persoas a traveso dos seus ouriños.

Levo pagado moitos cartos, e feito moitos trucos, para conseguir os mexos de algúns persoeiros. Outros veñen, mexan e pagan... eses son os clientes fixos. Os que me dan de comer...

Ti o que estas e tolo de remate, tes que facerte mirar en Conxodíxenlle.
Non me prestou atención algunha. Xa non escoitaba. Seguiu falando.

O poeta do Couto, ese que publicouAs choromicadas, non sabe que se vai suicidar un dia destes. E o vai facer como Virginia Woolf, afogándose no río Ulla, con moitas pedras envolvidas nos seus poemas, que vai gardar nos petos do pantalón...
Ó bocapodre e fachendoso político de Riotorto, quédalle un ano de troula. Tampouco sabe que rematará a súa carreira coma parado gorrón...
O cóengo de Prados, descoñece que vai rematar liado ca criada e montarán entre os dous un puti-club na Coruña. Un novo emprendedor cheo de fe...

Basta xa!, díxenlle alporizado, tes que beber menos cervexa, e deixar en paz os mexos, polo menos os dos amigos.
E por certo, engadín inoportunamente, a que non se che ocorreu adiviñar o futuro nos teus ouriños?..

Nunca tal dixera. O Breixo, serio, pálido e inexpresivo, púxose en pe, e levou con el a xarra o servizo de cabaleiros. Seguino por se estaba indisposto...
Unha vez alí, mexou no recipiente, ollou o mesmo contraluz uns minutos, e volveuse cara a min sorrindo...

Que sorte tes de seren meu amigo, quen te ía a dicir que nun par de anos vas ser xefe de gabinete, se queres, do próximo presidente do goberno...

Marchei do bar cambaleando e aguantando non mexar mais fora do testo, como fan moitos dos crédulos cidadáns que temos...











Ningún comentario:

Publicar un comentario