martes, 13 de maio de 2014

AMIZADES INCOMPATIBLES

AMIZADES INCOMPATIBLES



Non  coñecía a Paulino, coincidimos nun posto de bebidas da praia, e presentounos un amigo común.

 Falamos de  vaguidades e parvadas  mentres baixabamos unhas cervexas “mirando o mar”.

 Non é que se chamen así as cervexas, senón, que os nosos ollos entre ver, mirar e observar, simplemente miraban o mar con atención.

 Debera ter escrito “ degustabamos unhas cervexas mentres mirabamos arroubados cara o mar”, que é moito mais literario…

 Ben e certo que de cando en vez, a nosa vista, desviábanse de xeito libidinoso   cara o areal, onde paseaba en tanga unha bañista a mar de fermosa.

 Non é que o mar fora fermoso, que o é, a  fermosa  era bañista, enténdase ben, que logo sempre hai quen está a pillalas todas.

 E non é que pillen os críticos as mozas, senón as miñas faltas de estilo e ortográficas, cousa que é moito mais doada de emparellar que  unha lambetada que pasea pola praia.

Pregunteille despois de un longo silencio o Paulino, e con aparente desinterese, que cousas ou actividades  lle apaixonaban mais…

( Se quero saber cómo pensa en xeral  alguén, empezo por preguntarlle iso  mesmo sempre…).

─ Pois mira, agora co preguntas direiche con toda sinceridade que o fútbol,  as mulleres e o viño…

Aquela resposta recordoume  unha vella canción de Manolo Escobar.
 Certo  que faltaba a copa de viño na man, e tiñamos ausencia dunha guitarra e mais do agarimo dunha muller, para nos atopar coma soberanos, pero algo era algo… E dicir ben pouco…

Sobre todo para min, porque  aquelas paixóns de Paulino eran o indicador dunha amizade que nacía media  morta xa.

Non porque non comparta algunha desas opinións, senón porque non son, a lo menos para min, o que se di  “apaixonantes”.

 (Agás cando a miña dona se pon un puntiño picarona…).

Total, que por rematar a diagnose previa do Paulino pregunteille, que lle parecía a xestión política do goberno do PP do  meu concello,(el é tamén  residente en Compostela);  que opinaba de  García Marquéz, e, si tiña man na cociña para preparar unha empanada de polbo, un churrasco  ou uns ovos fritidos…

─ Pois mira, o goberno local  fai o que pode e moito  mais do que outros fixeron… a ese “Marques” non o coñezo para opinar del, e as empanadas o churrasco e os ovos  quen os   fai na miña casa desde sempre é a miña muller…como debe seren…

Despedinme correctamente e  para sempre!..

 Funme cavilando que: “ aínda hai a quen lle estrañan moito os  resultados electorais”…





Ningún comentario:

Publicar un comentario