venres, 23 de maio de 2014

ROXELIO



                              ROXELIO

Roxelio cando era mais novo traballou de peón nas plataformas do petróleo do Mar do Norte; nunha fabrica de coitelos de Austria; de chofer na casa dun banqueiro francés, e de xardineiro en Londres, na mansión dun rico industrial.
   
  Fun entrevistalo polo seu noventa aniversario, e tamén por charlar un rato con un compañeiro comprometido politicamente, (fora concelleiro socialista nunha lexislatura fai 25 anos).

 Roxelio tivo sempre creto de ter moito sentido común, e  falar claro. (O frecuente é a carencia  dunha das dúas opción, e as veces ambas).

 Leveille un agasallo e despois de darlle os parabéns comecei por   lle preguntar, si na súa opinión a  nosa actual sociedade  precisaba dunha fonda renovación de representantes …

─ Mira Toxo, o gastado non é o vello, senón o que non funciona. O envellecemento das persoas e das ideas, comeza cando non hai proxectos, que veñen sempre do descoñecemento fondo da realidade; cando se perde a memoria, ou cando se cree que as cousas importantes   concluíron ou non se  poden cambiar.

Descolocoume. Un home viaxado pero con poucos estudios, expresándose deste xeito, desconcerta sempre un pouco. Tratei de poñerme no seu lugar e lle empecei a comentar:

 Roxelio ─ Me poño no teu lugar e coido que  …

─Non sigas por ese camiño!. Ti non estás no meu lugar, sómente o imaxinas. Igual co imaxinan aqueles políticos que fan discursos, e  prometen solucións nesta e noutras campañas.
─Ti, e mais todos eles, non estariades no meu lugar salvo que tiverades noventa anos; vivirades nunha casa  de 60 m2, con unha cocina de ferro bilbaína; dous cuartos, unha horta de un ferrado,  unha  pensión  pequena, dous fillos mortos,  e, houberades pasado fame, e moita morriña polo mundo adiante ...

Perdoa no era a miña intención…(recordei entón que Roxelio cría  firmemente que as ideas e a vontade, dependían nel, coma en case todos nos, das condicións sociais e mais económicas…).
    
 ─En que andas agora de xubilado ?.

─  Dende que me xubilei, cultivaba a horta, e mais ía pescar polas tardes o peirao fanecas e algunha robaliza, agora, por culpa da reuma, só cultivo a dignidade. Que é o único que na vellez se  pode facer, e, no nome dela, aprendín a non estar onde non debo, ou onde non me queren.

─Pero aquí na miña casa que mira o mar, estou moi ben, polo menos  mentres a cabeza funcione e as pernas me leven a pasear. Tamén acollo a quen venme ver e a  charlar, sen lle preguntar que é, senón quen é, ou de quen é. A ti coñézote ben, e a pesares de elo aprécioche moito… (risas)..…

 Amigo Roxelio, os asuntos económicos, os sociais e a falta de  traballo van mal no País coma sabes, e  moitos nos preguntamos como amañar a situación…

─ Hoxe hai moito medo, e moito ignorante e parvo. En boa parte impulsados polos gobernos e as televisións. Pero non se pode nin vivir ni saír da crise así… O medo colectivo impide as solucións e fainos egoístas. A ignorancia e o medo pódense curar pero a  estupidez non.. ! (pausa).

─ As persoas adaptámonos a realidade como mal menor, non somos coma nos imaxinan os demais, nin coma  imaxinamos ser nos mesmos, pero a pesares deso hai que confiar  nos outros e mais en nos mesmos. Hai que estar sempre cos  amigos  intelixentes e  boas persoas, para evitar que nos volvamos peores do que somos.(pausa).

─ Pero sobre todo, temos que esixir que o traballo, e a riqueza, se repartan mellor. Iso só se consigue elixindo ben os nosos representantes co noso voto. Non hai outra. Nin todos son iguais, nin teñen as mesmas solución, nin todo e inevitable. … porque non hai nada definitivo; e porque a situación actual podémola transformar o estar chea de fondas contradicións en si mesma… (outra pausa).
     
 ─En Francia dise:  “Non hai ausente sen culpa nin presente sen desculpa”. O goberno non debera xustificar as súas decisión co pasado, e debera resolver  problemas do presente.  Ti xa me entendes…

 E certo que viaxar é un grande mestre da vida, non si?. Ti es un bo exemplo Roxelio.

─ Déixate de frases feitas, a única mestra que tiven foi o meu traballo; viaxei a forza non por pracer; aprendín a falar o básico en tres idiomas, a sorrir sempre; a practicar tres ou catro oficios, a comer de todo, e a escoitar, antes de falar…e sigo a ser un ignorante…pero non un parvo.

Despedinme. Roxelio regaloume media ducia de ovos,( non creo sexa suborno entre xubilados), e unha mirada limpa chea de comprensión e tolerancia, mentres me  dicía polo baixo con un sorriso: “ polo que eu  sei, ti aínda tes solución!”…

Sooume a piropo…!




Ningún comentario:

Publicar un comentario