xoves, 18 de setembro de 2014

OLLO CLÍNICO

OLLO CLÍNICO

Coñecín a Hortensia e o seu marido Manuel hai uns anos, xa de moi maiores. Tamén ao seu fillo Rufo, un encofrador que traballaba na construción cando se construían aquí mais casas, que fogares necesarios.

O marido de Hortensia, aló polos anos sesenta, enfermou o parecer do corazón. Ou iso foi o que lle dixo o médico a Hortensia nun aparte, despois de lle auscultar o Sr. Manuel os seus latexos co estetoscopio na  consulta privada.

─Seu marido estalle moi delicado, e de non tomar un medicamento que lle vou receitar, ten home para pouco tempo,─díxolle o doutor con un fío de voz conmovida e  moi profesional.

Cobroulle a consulta sen conmoverse nada, e prescribiulle nunha nota escrita a man co seu número de colexiado que dicía : “Persantín”. Unha pastilla ao xantar e outra ca cea”.

Na farmacia dixéronlle a Hortensia que era un bo tratamento para o corazón, pero era para sempre, e ademais moi caro.

Ela, días despois, mal vendeu unha guicha para atender os gastos farmacéuticos presentes e futuros, e mandou vir as pastillas de Santiago.

Pasados unhas semanas volveu a Hortensia  pola botica e Dona Clara, a boticaria, preguntoulle atentamente pola saúde do seu esposo o  Sr. Manuel de Reboredo.

─Estalle moi ben !. Anda rufo coma sempre…berrando con todos nos e traballando arreo no agro…

─ Moito me alegro. ─Dixolle a boticaria.— xa ve como os comprimidos sonlle moi eficaces e bos!.

─ As pastillas non as quixo nin probar!—Respondeulle a Hortensia…

─E logo?.

─Dixome que el non precisaba mais que unhas fregas con augardente do Ulla e unha aspirina. E así foi…!

─ Logo, as pastillas estragáronse, non si ?.

─ Nada de iso, fóronlle moi caras, e como vostede e o doutor  dixeron  que eran tan boas para o corazón, tomámolas meu fillo e mais eu, unhas ao xantar e outras ca cea…









Ningún comentario:

Publicar un comentario