domingo, 15 de marzo de 2015

A MORTE DE LOURIDO

A MORTE DE LOURIDO


Lourido, o taxista, é unha persoa diferente desde que  morreu. O caso é que non chegou a morrer de todo, pero a el pareceulle que morrera.

 Doulle un infarto con parada cardiorrespiratoria no propio hospital, cando ía face unha visita o seu curmán.  Alí o  atenderon axiña con un desfribilador, e o sacaron do lugar por onde - segundo me dixo posteriormente -, andaba.

O tempo entre o infarto con perda de conciencia, e o seu espertar, non foi superior os dez minutos, pero a el parecéronlle  horas.
 Nese tempo contoume o que lle aconteceu nunha descoñecida paraxe.

Cheguei, non sei ben como, a unha praia chea dunha  luz branca e cegadora onde uns nenos xogaban o balón, e uns vellos paseaban pola orela do mar.

─ Escoitei unha voz que me chamaba polo meu nome, era a do meu tío Rosco.
Recordei entón que pouco antes do seu  pasamento e a carón do seu leito de morte, sendo eu rapaz, dixéralle unha parvada incrible: “cóidate moito tío Rosco, e que teñas unha  boa viaxe”… Morreu nada mais dicirllo. Agora o tiña diante de min. Vinte anos mais novo que eu mesmo, e con bo aspecto. Se coñece, pensei, que se coidou ben de raios!.

 O Rosco, preguntoume que facía na praia dos mortos, se eu non era un defunto.

─ Nótase que non estás morto, ─ me dixo ─ porque aquí ninguén ten reloxo, xa que o tempo non conta, e porque o “salto cuántico” de vivo a morto, déixate calvo, e ti tes unha boa cabeleira. Mira sobriño, hai moitas formas de estar vivo, pero só unha de estar morto. Logo ti non es  un morto, es só un  viaxeiro  impertinente.!

Despois de escoitar estas razóns, comenteille que eu era o primeiro abraiado da  miña situación.

─ Non recordo coma vin  dar aquí.!. Estaba de visita no hospital, doume un pequeno dor e un lixeiro  mareo, e xa estaba neste praia.!

O Rosco fora profesor de ciencias , e recordo que sempre tiña explicacións para as cousas mais raras. Quedoume mirando coma quen examina un insecto ou un mineral e preguntoume:

─  Estás contento ou ilusionado ca vida que levas .?

─ Home, teño traballo autónomo, bo apetito, casa propia sen hipoteca, e unha compañeira que  aínda quita o respiro. Tanto coma ilusionado non sei, porque a situación do Pais e mala e o entorno angustia moito, pero gañas de morrer non teño ningunha.!

─ Moi ben ─ retrucou meu tío ─, a esperanza de case  todo dios é seguir vivo, logo, repito, se aínda sentes  ilusión é que  non estás morto. Aquí ninguén ten esperanza algunha. Se morre sempre de xeito que sorprende, esa é a última estrañeza que temos, despois quedas sen soños, sen proxectos,  sen fantasías, sen ilusións, e até sen gañas de comer nin de facer outras cousas mais  intimas, que aínda recordo…

─ Pero ─ contesteille ─, non nos dicían que no outro mundo, e dicir neste,  a felicidade estaba garantida ?

─ Si home si, contos de cregos!, a felicidade, e a ilusión, só son posibles no mundo dos vivos porque está cheo de incertezas. Aquí a incerteza non existe. Acabouse o fútbol; as amizades; os namoramentos; o bo ou mal tempo; e as partidas de brisca ou tute. Un aburrimento, e por riba eterno!.

─ Así que ti trata de seguir vivo o tempo que poidas, e  rodeado dos amigos, dos libros, da música, as viaxes, e os amores. Si esa vida non te fai un pouco feliz  é que estas morto, porque non sabes vivir.

─ Espertei nunha cama rodeado de tubos e aparellos conectados ao meu corpo.
 Bip, bip, bip… aquel son, pareceume o Himno a Alegría.

─ Pero agora non fago mais que preguntarme : sería todo unha consecuencia do trompazo que me peguei ao me desmaiar. ?

Non lle souben contestar, pero o que  sei de certo é que o  Lourido desde aquela é outro home.

 Sorrille pola rúa  incluso aos políticos, aos banqueiros, e até os cans de palleiro.

 Séntanlle de marabilla as empanadas, os callos e a carne de porco, que antes lle repetían. Lévalle flores tódolos domingos a súa dona; lee entre gargalladas o Paraíso Perdido; e puxo no seu taxi un carteliño dourado que di: “fanse descontos nas viaxes de ida e volta”.  



Ningún comentario:

Publicar un comentario