xoves, 13 de xullo de 2017

A SARDIÑADA








A sardiñada comezou onte as nove da noite. Rematou xa moi anoitecido.

 Recollemos na casa do Foucellas, un amigo agnóstico declarado en tempo de paz, unha manchea de carozos para as brasas, e, o noso provedor de confianza, Xan do Mariño, facilitounos mais  dun cento de sardiñas do xeito, que levaban agardando dúas horas no sal.

Os cachelos cocidos con loureiro e mais unto, fumeaban nunha pota cubertos con un pano amoroso de flores silvestres.

Asounas o propio  amigo Xan que ten desde sempre a virtude de por a grella a altura xusta para que o peixe se ase paseniñamente, e tamén porque ten os dedos de amianto, pois nin sufre nin padece ao darlles a volta delicadamente as “pilchardus”, que é coma se chaman cientificamente as sardiñas segundo Marcos o noso biólogo mariño sabio e afeccionado a este peixe.

Comín a fartar nelas, estaban ricas as condenadas... O malo e que pasei unha noite chea de pesadelos no que o peixe mais pequeno e agresivo  que soñei tiña o tamaño da balea Moby Dick.

Espertei suando a ca colcha enrolada no pescozo a piques de me afogar, a ca almofada nos pes. Unha batalla nocturna  polo visto contra un inimigo con faciana de carozos estomacales ardentes.

A culpa a tiveron as recomendacións por escrito de Don Julio Camba, que en paz descanse, que  saíron a relucir cando citou a casa de Lúculo un comensal moi lido do grupo,  e eu, por riba,  e por parvo, tomeinas  todas  ao pe da letra:

 “Un cachelo por cada sardiña que comades, e acompañando a cada sardiña un grolo de viño”.

Despois de unha ducia de cachelos, outra de grolos de viño e outra mais  de sardiñas, pasou o que tiña que pasar aos que temos delicado o estómago, pensei xa moi tarde.

 E por vez primeira este verán, botei en falla o meu bendito omeprazol.

Despois, de retirar a roupa da cama, abrir as fiestras, empapar con ambientador  o meu cuarto, buscar roupa nova,  e  finalmente, despois   dunha interminable ducha, con moito xabón da Toxa, e deixar  medio baleiro un frasco da colonia, fun quen de evitar os alarmantes cheiros que  impregnaban e mais envilecían  o meu  corpo.


O caso é que tiña razón o Camba, as sardiñas saben moi ben, pero saben demasiado tempo...

1 comentario:

  1. Cambiaches a roupa de cama? Despois da sardiñada non está de máis. Que che aproveiten, polo menos. Eu tamén as comín, encántanme!!!

    ResponderEliminar