sábado, 29 de xullo de 2017

A VACA FLORITA



A VACA FLORITA


Na nosa terra, as vacas poñémoslle nomes moi neutros e creo que pouco merecentes...

 Uns dinlle xovenca, outros morita, marela, ou gallarda...

Botei sempre en falla a familiaridade agarimosa e persoal  de nomes coma: Carmela, ou Filomena, poño por caso.

Pero debe seren unha tradición mal vista por quen coida afastar e cristianizar  nomes con afinidades bovinas.

O conto é que fai uns meses  un amigo meu, Anton de Ferreiro,  levou a vender ao mercado a súa vaca curiosamente chamada Florita.

 Ese nome respondía externamente ao animal.

Unha rubia galega  robusta, un fociño ancho, dous cornos ben feitos, unha  pelaxe con varios ton de marrón e  debuxos  que talmente parecían flores silvestres. Unha preciosidade de animal.

Tivo moito éxito a presenza de Florita no campo da feira; non sei si polo tamaño das súas ubres, pola prestancia do animal  ou pola mirada de indiferenza superior que mostraba ela diante do persoal ca admiraba.

O asunto é que pechouse o trato e cambiou de dono.

 Un anaco antes de entregar a cantidade acordada o comprador preguntoulle ao meu amigo:

 — É mansa  ?. Da moita leite ?...É traballadora ?

O meu amigo explicoulle ao comprador publicamente as virtudes da vaca Florita, e lle xurou solemnemente que era un animal  excepcional e que se tiña que  desfacer dela unicamente por razóns relacionadas coa crise que estabamos a vivir.

Todos os presentes baixaron a vista comprendendo a fonda  dor do sacrificio e  do intercambio forzoso por causas maiores...

A sema pasada entereime  co novo propietario de Florita levouna a vender, e  casualmente atopou ao meu amigo Antón no mesmo recinto.

Chamouno con acenos e voces  violentas.

—Ei ti Antón , ti, si , ven para  acó!!

Xuntouse enseguida un grupo de curiosos ao redor do interpelado agardando ver en que quedaba a cousa.

O comprador cos ollos avermellados, a grandes berros e axitando o aguillón da aguillada ameazadoramente díxolle ao Antón:

—Así que esta vaca era mansa, daba moita leite e mais era moi traballadora non si !

—Es un  mentireiro. Cóntasteme unha andrómena, unha falsidade. ! A vaca e lacazana e preguiceira, non da leite algunha, e por riba  é caprichosa, bravía e agresiva, dando couces a todo dios ...

—E agora que me tes que dicir !!!

O Antón sei que nin se inmutou, mirouno diante de todos os curiosos, e contestoulle:

—Ti sigue a falar asi de ben da túa vaca e xa verás a quen lla vas vender !!!

Doulle as costas e marchou entre as risas dos presentes...

Non sei porque razón  acabei pensando no noso goberno, o  da Xunta e mais o outro, e  do ben que se explican.












Ningún comentario:

Publicar un comentario