xoves, 19 de novembro de 2020

 A BENIGNA E O RISCO


A señora Benigna, menciñeira e compoñedora, tiña creto de seren bruxa  desde fai mais de  setenta  anos.

 O certo é que lle correron esa fama na parroquia despois de descubrirlle  nun ollo unha mancha ca forma dunhas patas de sapo.

 Segundo o médico, era unha mancha sen importancia chamada melanoses, pero as razóns científicas non convenceron a ninguén, 

A Benigna cando era nova, pasaba por seren unha muller moi  guapa  e namoradeira. 

Tivo dous mozos en tres anos, e, os dous morreron ao pouco de ter relacións con ela, síntoma claro, pensaron os veciños, das súas malas artes, ou peor aínda, por celos do demo,  o que ratificou a súa condición de bruxa coma indicaba a pata de sapo do seu ollo.

Fai moitos anos disto e un día despois de atender na súa consulta a miña bisavoa Rosalía, que tiña caída a espiñela, advertiulle, con certo misterio, que se gardase cedo  na casa, pois unha desas noites tiña escoitado dun veciño, que a Estadea ou Santa Compaña ía facer unha aparición preto do seu fogar. 

 Un home do lugar ía morrer, e,  a pesares de que ela non cría nestas cousas, mellor era o confinamento preventivo, coma diríamos hoxe.

O certo é,  que  dias despois finou don Lourenzo, o home mais rico da bisbarra que estaba polo visto coma un buxo de saúde.

 Esta inexplicable morte repentina foi atribuída por toda a parroquia ao mal de  ollo de Benigna.

Debateuse  esta situación entre o alcalde, o crego e o farmacéutico do concello, coñecido coma o Risco, e non se chegou a una conclusión definitiva, porque o cura quería excomungala e ate  queimala,(porque a pesares de non existir xa inquisición o párroco era un Torquemada en  pequeno), e o farmacéutico, pola contra, sostiña que don Lourenzo morrera seguramente dun enchente de cocido  e viño, porque tiña a tensión moi alta e padecía do corazón, cousa que el coñecía de abondo  polas medicacións receitadas polo cardiólogo de Compostela, e que don Lourenzo compraba regularmente na botica. 

O alcalde, ao non acadar acordo entre estas “autoridades”, nin ter a quen colocarlle a responsabilidades da súa decisión final, fixo o que tiña que facer, e dicir, nada de nada, ao  igual que algúns políticos fan hoxe mesmo con bo resultado electoral.

Foi o primeiro choque entre relixión e ciencia que se dou naquel Concello.

 Despois chegou a guerra civil, e da señora Benigna e mais o farmacéutico Risco nunca mais se soubo na parroquia. 

Uns dicían que foran os dous “paseados” ela por bruxa, el por  ateo; outros xuraban que os viran  entre os mortos da Santa Compaña, pero, a miña bisavoa, comentaba que  se escribía con eles, e que vivían  en Bos Aires, el ao fronte dunha farmacia, e ela, de enfermeira, axudando sabiamente a un traumatólogo porteño, que gracias aos coñecementos de Rosalía implantou  unhas novas técnicas de rehabilitación e cobrou celebridade internacional, ademais de cobrar moitísimos pesos polas consultas, gracias a  sona de “compoñedor  titulado pola Universidade de Compostela”. 

Casaron o Risco e a Benigna, e tiveron un fillo e unha filla.

O fillo, fíxose, físico nuclear e piloto de guerra; chegou a colaborar  no proxecto Manhattan, e dicían que andaba por aquel entón disposto a bombardear a aldea do seu pai con unha ou dúas bombas atómicas, e, a filla, coma medico psiquiatra, publicou un libro que leva por titulo : “A maxia na Galicia. A incrible arte desa Terra para producir resultados contrarios as leis naturais”.

Parece un conto de meigas, non si?

Pero así foi, e mais en boa medida, así é!



  


     


Ningún comentario:

Publicar un comentario