domingo, 13 de decembro de 2020

 

MONCHO, O FILLO  DA PORTUGUESA

 

 Na aldea da miña avoa e fai uns cincuenta anos, recordo ter xogado a estornela e mais ao fútbol con Moncho, o fillo da señora Remedios da Silva, de alcume, “a portuguesa”, dada a nacionalidade da mesma.

 Era o Moncho o maior de catro irmáns, orfos de pai, que vivían un moito da caridade dos veciños, e un pouco, do traballo como xornaleira da súa nai, unha muller extraordinaria que os sacou adiante gracias a súa intelixencia e traballo.

 Ningún deles fora nunca  a igrexa debido a condición de non créente da señora Remedios, a que lles comentaba aos seus fillos,-      segundo me dicía o Moncho -,co importante na vida era seren educados, honrados e xustos, e non enganarse con historias bonitas e paraísos dos que non había probas.

 A familia da Silva, tiña problemas co párroco, que non vía con bos ollos como: “as ovellas desorientadas desa familia non se incorporan ao catolicismo, única relixión verdadeira” e, desde o púlpito, os domingos, de cando en vez mandáballes  recados a traveso dos veciños para os premer ou coaccionar.

 Uns deses veciños, os da casa grande  de Ferreiro, parella sen fillos, e con mais devoción a Don Miguel ca Virxe do Carme, despois de falar co párroco sobre esta familia, acordaron  unha estratexia para conducir aos poucos e sen que se notara moito, (coma fan os bos políticos), ao Moncho polo “bo camiño” da relixión católica, apostólica e romana.

 Falaron ca nai do rapaz, e acordaron que este traballara de servente nesa  casa, a cambio da comida, unhas dez pesetas ao mes, e unhas clases particulares polas tardes do mestre de escola, exixencia da nai, “para que o meu  Moncho non sexa un ignorante mais”.

Desde aquela o Moncho, atendía as ordes recibidas polos Ferreiro, coidando do gando, facendo recados, ou regando na horta, e  ademais, aprendeu a escribir ben, ler mellor entendendo o que lía,  facer contas e resolver problemas cotiáns.

 A familia Ferreiro, os domingos ordenaban ao Moncho iren a primeira misa da mañá, e  a volta da mesma preguntábanlle con moito interese de que falara nela o señor cura.

O Moncho, nunha destas, comentoulles que Don Miguel estaba a organizar unha catequeses para ensinar o catecismo aos rapaces da aldea.

 Faltoulles tempo aos Ferreiro para indicarlle que tiña que quedarse ao remate da misa a esa catequese, para aprender cousas boas, santas, e certas.

 O Moncho, cavilou sobre a certeza  das talladas abundantes de comida que recibía e na falta de cartos na súa casa, e aceptou a imposición, non sen antes pensar coma librarse de esa obriga relixiosa que nin sentía, nin entendía.

 O domingo seguinte,  coma sempre foi a misa de nove, e despois quedouse a catequese.

As dez  xa estaba de volta na casa dos de  Ferreiro.

O matrimonio preguntoulle como fora aquelo de vir tan axiña.

El, díxolles con cara de miñaxoia que:

 —Don Miguel mandoume para casa, pouco despois de empezar a lección, e dicir, botoume fora!

 —Mais cóntanos coma foi posible iso? Retrucáronlle alarmados.

 —O señor cura preguntoume  si sabia cantos deuses hai ? 

 —E ti, que lle contestaches Monchiño ?

 —Pois que vinte!

 —E logo volveume a preguntar todo alporizado : cantos dixeches rapaz!

 —E que lle retrucaches?

 —Logo, díxenlle que trinta!, e foi cando moi cabreado me dixo; vaite e non volvas pola catequese mentres non saibas canto deuses hai!

 —Mais ti Monchiño, comprendes porque se alporizou ou non?

 —Estíveno a pensar e creo que sei o que lle molestou a Don Miguel; coido que deberon  parecerlle  poucos eses deuses meus!!

 

 

 

 

 

 

 

sábado, 5 de decembro de 2020

 A LINGUAXE FACHENDOSA


“As fronteiras da nosa linguaxe, son as fronteiras do noso mundo”.

Miguel, o fillo da señora Asunción, traballa en Liverpool no sector turístico, concretamente na terminal de cruceiros do centro desa cidade inglesa, lugar ate o que chegan eses grandes barcos.

 Leva alo vinte anos.

Cada verán, pasa as vacacións coa súa nai nun lugar moi preto de Bandeira. 

A señora Asunción aproveita a chegada do seu fillo para prepararlle as comidas que mais lle gustan: algunhas empanadas, polbo a feira, ou  algún cocido extemporáneo, acompañado sempre  do pan artesán de Silleda e de prostre, lambetadas.

O Miguel bota unha man cando chega en pequenas faenas agrícolas, en reparacións  e conservación da casa, e mais leva a  súa nai Asunción os domingos a xantar a un restaurante acreditado para celebrar o encontro.

Fai dias contoume o Miguel que  axudou a súa nai  co arado e cas vacas Marela e Linda  a preparar un saído na horta de diante da casa, onde plantan patacas, verduras e mais hortalizas.

—A miña nai tendo conta do arado e eu, diante conducindo o gando.

 Mamá berrábame : vai mais a modo Miguel, mais a modo! entón dicíalle sen me decatar do idioma as nosas vacas: stop, ou  slowly!  Que significa, detervos, ou, lentamente, en inglés, e elas e mais eu, retiñamos o paso.

—Miña nai ao iren tan aos poucos avisábame, bule mais rapaz, bule mais! 

—Eu, entón turraba delas e dicíalles espontaneamente, faster! ou quick!  Que coma sabes quer dicir nese idioma mais rápido, ou rápido.

—Despois dunhas voltas, rematamos o traballo sementando a leira.

— Miña nai cando levabamos o gando ao cortello mandoume parar e me dixo moi seria: “Mira, vouche dicir unha cousa, fálalle ben as vacas porque “lojo” ti marchas e a min non me entenden”!

 Eu rin a cachón, sabedor que Miguel era un gran fillo, e que aquelo de se expresar en inglés fora froito da súa incrementada fronteira idiomática e non de outras parvadas.

Conteille, para explicar mellor a cousa, que Celia, a filla do panadeiro, chegara de Francia co seu pequeno despois de estar aló nunha  visita  de un mes ao seu home, emigrado e traballando nese país,  e, xa viña falando francés...

 Comenteille que fai dias seu pequeno caera nunha beirarrúa de Silleda, e que  ela cando acudiu a levantalo lle dixo: “Érguete, érguete, mon cheri”!

Ou aquelo do neto de Crisanto, que cando regresou despois duns meses de ver aos seus tíos en Bos Aires, nada mais chegar a Bandeira preguntoulle ao taxista co trouxera desde o aeroporto ate alí:  Llegamos ya a Bandera?

O taxista de Silleda que coñecía a familia e mais a ese neto,  fartouse de contar o conto na taberna.

 No teu caso tes desculpa, ese outros non, porque a súa linguaxe non e fronteira de nada mais que da súa  ignorancia e fachenda...    




    




mércores, 25 de novembro de 2020

 

A BONECA DE CRISTINA


Contoume a Cristina, unha trasnada, e prometinlle escribila con disimulo para que non saibades de quen se trata. A historia comeza asi: 
— Meus pais, a Rosa e o Moncho, tiveron catro fillos alo polo final dos anos corenta, dous homes e dúas mulleres. Roberto, Cosme, Lupe e  a Cristina, e dicir eu, a mais pequena.
— Os catro saímos agudos e intelixentes, a que mais eu, e, coma viviamos en Compostela fixemos carreiras universitarias gracias aos enormes sacrificios dos nosos proxenitores. 
 A miña nai Rosa traballaba de costureira na casa, e o meu pai estaba empregado coma mecánico de coches nun taller preto do que hoxe é a Praza de Galicia. 
 —Os catro vivimos toda a nosa vida ate o de  hoxe, mellor cos nosos pais, que é mais do que lle agarda aos nosos fillos.
Cando nenos, a miña irmá Lupe e mais eu rifabamos entre nos, pero queriámonos moito. 
Chegado o tempo dos Reis Magos, o papa e a mama mercában  un regalo para cada un, un so regalo, porque  as contas non daban para mais, pero alimentaban a ilusión nosa  con este detalle tradicional.

—A Lupe, tiña un  xenio do demo, e sen querelo dominábame a min e ate o intentaba cos meus pais.
 Eles por buscar paz, procuraban co regalo de Reis para Lupe fora o mellor, e asi evitar celos e  as súas fortes perrenchas. 
A mellor moneca, a mais bonita, a mellor vestida, ano tras ano era para ela. Eu o constataba e calaba.
 
—A miña moneca era  sempre a mais  fea, pero eran – razoaba eu-  os  Reis Magos  quen decidían, e facían o que lles petaba, como case todos os reis.
Pasaron os anos, os meus  irmáns creceron, e deixaron de crer nos Magos, todos, menos eu, e eles  tiñan coidado de manterme a ilusión que tiveran.
 A verdade é que eu tiña  escoitado algunhas frases e  cousas relacionadas cos Reis, ditas con disimulo, pero con indiscreción  entre eles, e, desde aquela comecei a sospeitar algo... 
A noite de Reis daquel ano foi moi especial. 

—Decidín conter o soño, non durmir, para comprobar as miñas sospeitas e, as escondidas, bebin medio vaso de café, pois lle oíra dicir a meu irmán Roberto que axudaba a manterse esperto e así poder  estudiar de noite sen o barullo noso polo día. 

—Pasada unha hora escoitei ruídos moi leves, serían os Reis pensei? 
O pouco puiden ver aos meus pais facendo de mensaxeiros reais, e caín na conta da maxia desa noite.
 Deiteime de novo para erguerme media hora mais tarde cando a casa estaba en silencio, e con moito coidado dirixinme ao comedor. 
Alí a carón do pequeno belén estaban os regalos.

 En dúas caixas iguales e nas tapas escrito en letras de imprenta liase, “para Lupe” e na outra “para Cristina”. 
Levantei a tapa da miña caixa e puiden ver unha moneca con ollos tristes, unha perruca de estropallo, e un vestido arrepiante de color amarelo.
—Despois, picada pola curiosidade, mirei na caixa de Lupe. Aquela moneca tiña a cara de porcelana fina, pelo louro, ollos ledos, unha grande pamela e, un vestido de lunares. 
O de sempre pensei. 
Pero axiña decateime que aquelo non o decidiran os Reis, senón que fora cousa dos meus pais!
Nese momento ocorréuseme a trasnada.

 —Pensei, se quero ter unha moneca como é debido, so teño que cambiar as tapas que levan os carteis. Dito e feito. Despois de aquelo regresei a cama, e durmín coma unha santa.

—A mañá, e ben cedo, os gritos dos meus irmáns e pais anunciando a chegada dos Reis Magos a sacáronme da cama, e todos fomos abrindo de un en un, e por orde de idade, os regalos: Un estilográfica para o Roberto, un tren de madeira para o Cosme, e chegoulle a quenda a Lupe...
— Abriu  a súa caixa e nela apareceu aquela moneca fea coma un corno. Mirou de súpeto para os pais e irmáns maiores, e todos quedaron con cara de estrañeza...
 —Eu, de seguido abrín  a “miña caixa” e atopei a preciosidade prevista.
 Din un berro de alegría finxida e díxenlle a todos que era a moneca mais bonita do mundo, e que os Reis Magos debíanme de querer moito ese ano. Debinme portar moi ben!
 Ademais din saltos de alegría para rematar a xogada...

—Todos sorrían, ate a Lupe.
O papa e a mama os recordo apampados pero estaban risoños tamén e con moito amor nos seus ollos.
  
—Nunca lle contei isto a ninguén e non sei porque cho conto, pois sei que vas escribilo e destripalo. 
Agardo que non deas nomes verdadeiros, e disimules  como fan os Reis Magos es os pais, non vaia a seren que a Lupe se decate daquela debilidade súa e se alporice de novo comigo agora de vella...


xoves, 19 de novembro de 2020

 A BENIGNA E O RISCO


A señora Benigna, menciñeira e compoñedora, tiña creto de seren bruxa  desde fai mais de  setenta  anos.

 O certo é que lle correron esa fama na parroquia despois de descubrirlle  nun ollo unha mancha ca forma dunhas patas de sapo.

 Segundo o médico, era unha mancha sen importancia chamada melanoses, pero as razóns científicas non convenceron a ninguén, 

A Benigna cando era nova, pasaba por seren unha muller moi  guapa  e namoradeira. 

Tivo dous mozos en tres anos, e, os dous morreron ao pouco de ter relacións con ela, síntoma claro, pensaron os veciños, das súas malas artes, ou peor aínda, por celos do demo,  o que ratificou a súa condición de bruxa coma indicaba a pata de sapo do seu ollo.

Fai moitos anos disto e un día despois de atender na súa consulta a miña bisavoa Rosalía, que tiña caída a espiñela, advertiulle, con certo misterio, que se gardase cedo  na casa, pois unha desas noites tiña escoitado dun veciño, que a Estadea ou Santa Compaña ía facer unha aparición preto do seu fogar. 

 Un home do lugar ía morrer, e,  a pesares de que ela non cría nestas cousas, mellor era o confinamento preventivo, coma diríamos hoxe.

O certo é,  que  dias despois finou don Lourenzo, o home mais rico da bisbarra que estaba polo visto coma un buxo de saúde.

 Esta inexplicable morte repentina foi atribuída por toda a parroquia ao mal de  ollo de Benigna.

Debateuse  esta situación entre o alcalde, o crego e o farmacéutico do concello, coñecido coma o Risco, e non se chegou a una conclusión definitiva, porque o cura quería excomungala e ate  queimala,(porque a pesares de non existir xa inquisición o párroco era un Torquemada en  pequeno), e o farmacéutico, pola contra, sostiña que don Lourenzo morrera seguramente dun enchente de cocido  e viño, porque tiña a tensión moi alta e padecía do corazón, cousa que el coñecía de abondo  polas medicacións receitadas polo cardiólogo de Compostela, e que don Lourenzo compraba regularmente na botica. 

O alcalde, ao non acadar acordo entre estas “autoridades”, nin ter a quen colocarlle a responsabilidades da súa decisión final, fixo o que tiña que facer, e dicir, nada de nada, ao  igual que algúns políticos fan hoxe mesmo con bo resultado electoral.

Foi o primeiro choque entre relixión e ciencia que se dou naquel Concello.

 Despois chegou a guerra civil, e da señora Benigna e mais o farmacéutico Risco nunca mais se soubo na parroquia. 

Uns dicían que foran os dous “paseados” ela por bruxa, el por  ateo; outros xuraban que os viran  entre os mortos da Santa Compaña, pero, a miña bisavoa, comentaba que  se escribía con eles, e que vivían  en Bos Aires, el ao fronte dunha farmacia, e ela, de enfermeira, axudando sabiamente a un traumatólogo porteño, que gracias aos coñecementos de Rosalía implantou  unhas novas técnicas de rehabilitación e cobrou celebridade internacional, ademais de cobrar moitísimos pesos polas consultas, gracias a  sona de “compoñedor  titulado pola Universidade de Compostela”. 

Casaron o Risco e a Benigna, e tiveron un fillo e unha filla.

O fillo, fíxose, físico nuclear e piloto de guerra; chegou a colaborar  no proxecto Manhattan, e dicían que andaba por aquel entón disposto a bombardear a aldea do seu pai con unha ou dúas bombas atómicas, e, a filla, coma medico psiquiatra, publicou un libro que leva por titulo : “A maxia na Galicia. A incrible arte desa Terra para producir resultados contrarios as leis naturais”.

Parece un conto de meigas, non si?

Pero así foi, e mais en boa medida, así é!



  


     


venres, 13 de novembro de 2020

 ROBERTO DE CASTREXE


Teño por costume, coma moitas persoas, quedar de cando en vez cos amigos nun bar, nunha rúa, ou na súa casa. Por mor da pandemia os frecuento menos, pero falo con eles de seguido  por teléfono. 

O  amigo Roberto, non sei porqué razón nunca quixo ter teléfono,  e, no seu caso, teño por forza que iren a súa casa se quero falar con el. 

Roberto de Castrexe, vive no  Sardiñeiro, e  nunca me deixa marchar do seu fogar sen unhas  maragotas, unhas fanecas ou no mellor dos casos unha ou dúas fermosas robalizas.

Eu afíxenme a levarlle sempre unha torta de Santiago, das de verdade, feitas con améndoa, azucre e ovo. Devece por elas!

O meu amigo pasou moitos anos traballando nas plataformas petrolíferas do Mar do Norte, entre : galegos, portugueses,  italianos, noruegueses, alemáns, e marroquís.

  Despois faenou en cargueiros, que tiñan a súa base en  Hamburgo, e finalmente, xa de xubilado, sae a pescar en solitario na súa dorna “Cuca” polas augas de  Estorde.

Se lle preguntas como se entendía nese  babel de etnias e de idiomas, móstrase perplexo e dime con toda naturalidade: e como ía ser?... en galego! 

—A bordo todos falaban mellor ou peor o galego, desde o capitán, case sempre alemáns, ate os compañeiros estranxeiros.

—É, o que teñen os idiomas, as persoas, e as institucións, cando hai maioría de falantes, me di. 

 Se ademais esas persoas, ou institucións, as  ocupan,  coma nos, postos  clave na cociña, no mantemento, e nas máquinas, tense moito resolto a bordo, igual pasa na política, cas leis, ou na xustiza, ou non? 

— Naquelas longas campañas, do mesmo xeito que facemos nas casas e nas nosas festas familiares unha vez rematada a xornada,  na sala do persoal nas plataformas, e no salón de popa nos cargueiros,  contabamos e  cantabamos historias da nosa terra que chegaban ate emocionar  aos compañeiros de outras nacións.

 Contoume o Roberto, nesta ocasión, unha anécdota convertida en chiste, dun dos grandes animadores daquelas reunións, o seu  amigo  Ma-Ma-Manuel,  asi coma sona, porque  con ese nome constaba no seu carné e cartilla de embarque.

— Ma-Ma-Manuel Ro-Rodriguez, dime o Roberto, explicaba sempre nesas reunións,  antes de contar brincadeiras, e para aqueles que non coñecían a historia do seu nome, que  cando se tiña que  presentar aos diferentes capitáns, estes, obrigábanlle a repetir o seu nome  de viva voz, para logo preguntarlle de seguido se era  tatexo.

—Ma-Ma-Manuel, contestáballes que o  tatexo era o seu pai, e o encargado do rexistro civil un fillo de puta, asi a cousa quedaba aclarada. 

Nos abordo chamabámoslle, polas dubidas, Manolo, e morra o conto!

 O Roberto agasalloume, nesta ocasión, ademais de ca súa conversa, con un congro polo aberto e un robalo, en caldeirada, eu correspondinlle ca torta de Santiago coma lambetada.

  Falamos nese xantar da nosa vida, dos nosos desexos, da familia, para compartir deste xeito a nosa memoria, porque somos o que recordamos. 

Despedímonos con unha fonda aperta. 

Eu marchei cavilando despois do xantar, que  saber conservar e coidar aos amigos, é facelos sempre  mais amigos... e, a gastronomía axuda moito a practicar os cinco sentidos a carón dos sentimentos.     




martes, 3 de novembro de 2020

O ARCA DE NOE

 

O ARCA DE NOE 



Contaba o meu tío Manolo unha historia que poido ser real relacionada con unha tasca de Iria Flavia, co seu propietario que imos chamarlle  Xosé, e con  don Camilo José Cela.

Ao parecer don  Camilo frecuentaba ese lugar, onde non adoitaban cobrarlle pola consumición primeira, e a segunda a pagaban os seus admiradores. Nesa tasca  incluso  chegou a manter  certa amizade co dono da mesma e algúns clientes. 

Un dia de moitísima chuvia e  mentres  o Xosé e o Camilo bebían  en solitario unhas cunca de ribeiro, ca súa correspondente ración de polbo, preguntoulle o taberneiro, seguramente  inspirado na treboada:

—Don Camilo que hai de certo niso do diluvio universal?

E o Camilo, contoulle polo miúdo o mito do Xéneses.

Correuse enseguida  a voz entre os clientes e días despois pedíronlle ao Xosé que llo contara a eles.

O Xosé  contoullo en versión propia, que segundo afirman os que  a escoitaron di así:

—Os homes de aquela eran moi pecadentos, moi malos, moi malos, moi malos,  uns castróns todos, menos un que se chamaba Noe.

—Deus quixo castigalos a todos  e díxolle a Noe que fixera un barco grandísimo, grandísimo,  e que metera nel a tódolos animais.
Un burro e unha  burra, un elefante e unha elefanta, un  león e  unha leona, un mono e unha mona, un can e  unha cadela... e tamén  a súa familia que era  moi numerosa. 

 —Deus, sei que lle comentou a Noe: unha vez remates o barco, que chamaras o Arca, métete nel de seguido coa túa familia e os animais, porque Eu vou a afogar a todos os demais homes, e ao carallo!

—O Noe, bastante atemorizado, púxose ao traballo e construíu aquel barco  grandísimo.
 E despois, entrou nel ca súa familia e tódolos os animais como lle tiña ordenado Deus.

 —Pouco despois empezou a chover e a chover e a chove e chover,  e as persoas de fora da Arca  afogáronse sen remedio.

—Os animais do barco cando chegou a primavera, comezaron a  pórse nerviosos e para se entreter e por natureza, os machos empezaron a querer montar nas femias. Entón a Arca comezou a bandear perigosamente.

—O Noe alarmado díxolle aos fillos: non sei que pasa pero isto vaise a piques! 
Un dos fillos tranquilizouno e  aclaroulle que os animais estaban en celo.

—E que podemos facer? Preguntoulles Noe.

—Outro dos fillos doulle a solución: Cortámoslle a miñoca a tódolos machos,  e  entregámoslle un tícket, para que poidan recollela ao rematar o diluvio.

—E asi se fixo.  

—Calmáronse todos pero quedaron  moi tristes, moi murchos, calados, e sen humor.

Home claro! contestáronlle unanimemente  os clientes botando a man ao peto do pantalón para unha comprobación rutineira. 

—Polo visto o único que andaba alegre rindo a gargalladas, e dando brincos de alegría era un mono que saltaba de babor a estribor. 

—O Noe chamouno inmediatamente, e pediulle enerxicamente  unha explicación a tanta ledicia.

—O mono ria e ria e con tanta gargallada tardou en explicarse, pero o Noe, serio e moi teso, agardou a que se calmase. 

Ao final sei que aquel mono lle dixo: Estou contento porque cambieille o meu  tícket ao elefante!!!

Ai vos queda esa versión que vai saber se non e a boa...!







 

sábado, 10 de outubro de 2020

 UNHA HISTORIA DE AMOR

(Dedicado ao meu amigo e oftalmólogo Pedro Pacheco)


A estraña historia de Rosalía, miña afillada, deuse a partires do seu nacemento.

 Naceu con dous ollos – como case todo o mundo- pero de cor diferente cada un.

 A iso chámanlle os especialistas heterocromía.

 Pero o que non se explica cientificamente é porqué Rosalía vía –segundo por que ollo mirase – o mundo e as persoas dun xeito ou de outro.

 Co ollo da dereita, de cor azul, vía o mundo coma ti ou eu, e co outro esculcaba as persoas por dentro e dicir as súas intencións e ate os seus pensamentos.

 Por un ollo vía o mundo e as persoas, e polo outro ollo  comprendía o mundo.

 Iso,  pasa as veces coa intuición e con unha cabeza  ben adestrada, pero ela o fai sinxelamente co seu ollo verde.

A Rosalía contoume este verán que estaba moi namorada dun mozo chamado Lois, pero nunca quixo miralo solo co ollo verde por medo a descubrir que non era o home indicado, e porque para ela, o amor non debía ser imposto nin pescudado.

 Ademais, me dixo con convicción, que o seu corazón latexaba con serenidade e alegría.

Fai unha sema e paseando da man co seu mozo, sei que  subiron ate o faro a hora do solpor, que era  cando  os primeiros destelos do mesmo iluminaban con forza o  mar.
 
Na punta do cabo Rosalía xirouse para verlle o rostro ao seu amado e un raio de luz da lanterna feriu o seu ollo azul e a cegou,  perdendo a visión do mesmo por uns instantes.

Cando se  volveu a mirar a Lois, a Rosalía so podía velo a traveso do seu ollo verde, e descubriu entón o sorriso do seu rostro, e nese sorriso, díxome emocionada, agochábase un mundo enteiro cheo de incertezas, dubidas, alegrías e  de  penas, pero  xuntos! 

Mais tarde a Rosalía confesoume que cando se bicaron comprendeu co amor era algo cego, pero aquelo que sentía sen dubida, era o que xa  lle anunciara  seu corazón.
       

  

 


domingo, 13 de setembro de 2020

  

 

 

O TIO ANTÓN E A LINGUAXE DOS ANIMAIS

 

(Para contarlle aos netos ou aos fillos pequenos)

 

 

O  noso tío Anton, éravos un home que falaba cos animais da aldea onde naceron os meus pais.

 

 Cando nenos, contábanos as historias de algúns deles que el coñecía ben, e mais explicábanos cos mesmos, tiñan a súa linguaxe propia e que podía seren traducida ao galego sabendo entendelos.

 

O tío Anton sabía estas cousas porque os animais e mais el entendíanse cacarexando, ladrando, muxindo, ou gruñindo,  moitas veces.

 

 As galiñas tiñan pouca fala, dicía, pero  a súa expresión, xestos, e movementos cadenciosos completaban esa carencia.

 

 Cando cacarexan, dicíanos tío Anton, non é unicamente porque puxeron un ovo, o que nos queren advertir tamén e dun problema  e reclamación que teñen cos seus pes  espidos desde sempre.

 

 Canto cantan din: “co-cocorocooo, cocoroocoo,  co cocorocooo!!! o que quere dicir: “por, porporpoñer ando descaaalza!!!..” e o galo, que  as entende cando as escoita lles resposta sempre,   “kikiriquiiiiiiiiiiii- poisporiso, poisporiso!

 

 E deste xeito  dálles xentilmente a razón.

 

Nos, imitabamos o canto das galiñas e dos galos, e despois dun rato de practicas afinando entendiamos que era así mesmo, sen dubida algunha.

 

Cos contos dos paxaros pimpíns e chaschás  o tío Antón explicábanos mellor  que na catequeses da parroquia coma eses paxaros,  cando as tropas de Nerón preguntaban por  Xesús neno e polos seus pais na súa fuxida, os  axudaban a se esconder.

 

Nesa historia, os soldados, nunha viaxe no tempo e no espazo, perseguindo a familia de Xesús, facíanlle a pregunta aos veciños do lugar se os viran pola bisbarra,  e os pimpíns  anticipábanse a eles e  contestábanlle antes de que falaran os paisanos, dicíndolles: “pimpín por aquí non os vin” e o chaschás desde lonxe o ratificaba, “chaschás por hai ben vas” e así enganaban as tropas que collían o camiño equivocado.

 

Os pimpíns e os chaschás fixéronse  nosos súper heroes bíblicos, cando non existían os cómics.

 

Os cans, segundo o tío Antón non son “cheiracus”  porque lles guste, ou axude a identificarse uns a outros, coma se non fora de abondo mirarse aos ollos e as orellas para se coñecer, o fan, porque dende hai moitos anos nunha festa de sociedade, o mesmo cos homes sacan o sombreiro, os cans deixaban os rabos no colgadoiro.

 

 Un incendio no casino obrigounos a todos a saír correndo, e cada can colleu o primeiro rabo que atopou.

 

–Agora cando se atopan uns cans con outros,  non van a cheirarse o cu, senón a comprobar se o rabo que leva ese can é, ou non, o del.

 

Hoxe xa non hai  case ninguén que  saiba falar cos animais, e  as historias  que lemos na prensa contan o que sucedeu (mais o menos segundo quen mande), pero a imaxinación destes contos, explica o que debería ter sucedido.

 

 Xa sabemos que aquelas historias son parte de lendas galegas coñecidas, pero daquela, para nos, eran simplemente historias marabillosas.

 

A min, agora de vello, resúltanme mais cribles esas historias  do tío Antón, que moitas das novas dos medios de comunicación.

Porqué na vida a ilusión, a imaxinación e a esperanza contan mais que certas verdades interesadas.

 

 Eu, ao meu neto, penso contarlle os contos sobre os rabos dos cans, a axuda dos pimpíns e chaschás, e, os significado do cacarexo das galiñas, gústelle ou non aos meus fillos...!

 

 

 

 

 

 

   

 

 

 

 

xoves, 10 de setembro de 2020

 COSME O AGUARDENTEIRO ADESTRADOR DO FUNGUEIRO CLUB

 

O Cosme é un home sentencioso feito a si mesmo.

 

 Foi a escola dous anos e o resto aprendeuno da educación que se deu a si mesmo.

 Ten uns  50 anos e traballou sempre de augardenteiro na bisbarra, que é terra de mal viño e bo augardente.

 

Vive na parroquia de Cerdeira, e  no cartel anunciador da mesma puiden ler  escrito con aerosol  “cerdos”, en castelán;  non polos porcos que habelos hainos, senón por un tradución trabucada que  debeu confundir cerdeira, de cereixas, con porcos.

 

O Cosme, e bo amigo do párroco e faille de sancristán os domingos.

 

 O sacerdote, don Crisanto, é un home de ben, de ben e vai, porque levase ben co alcalde do concello, co de agora e co de antes, cando mandaba Franco.

 

Un veciño deses que presumen agora de esquerdas, me conta o Cosme, desas malas linguas que hai, cando fala  do sacerdote, separa ao falar na taberna, diante dos amigos, o “sa” de “cerdote”.

 

Iso non  quere dicir o que pensades, pois don Manuel, e home limpo de corazón aínda que ten moi estragada a sotana e ate por non ter non ten cuarto de baño con ducha  na reitoral.

 

O Cosme, non quería  seren alcalde de barrio de ningún xeito,  e foi iso o motivo suficiente para que todos na parroquia llo pediran ao alcalde do municipio, home moi popular que leva trinta anos ao fronte do concello.

 

Fai un ano, o Cosme, me explica con orgullo, axudei  a montar o equipo de fútbol da parroquia, o “Fungueiro Club”,  metinme a adestrador, presidente, e fisioterapeuta do mesmo, facendo unha escolma entre os mozos afeccionados do lugar.

 

 As lesións melloran moito con augardente, me comenta, e os ánimos para gañar os encontros, con un pequeno  grolo do mesmo antes de saír ao campo.

 

No ultimo partido contra os xogadores mimados da alcaldía e da parroquia sede do municipio, houbo de todo, malos modos, patadas, e sobre todo moitos xuramentos dos futbolistas do Fungueiro Club,  que fixeron baixar a tódolos santos ao campo.

 

Aquelo, diante da autoridade eclesiástica presente de don  Crisanto, moi afeccionado ao balón pé, foi demasiado, recorreu a garda civil, detivose o partido, que xa estaba roto, e propuxo a federación  unha  sanción de 1000 euros coma penitencia.

 

Ao non ter medios para pagar a cantidade, o Cosme, e todo o equipo recorreron  ao alcalde que amablemente os recibiu no salón de plenos.

 Prometeulles nun discurso que se recordará coma rotundo e claro axudar a pagar ou evitar a sanción, e advertiulles que non estaba ben xurar, nin comportarse dese xeito no campo de fútbol, e rematou a súa disertación dicíndolles :  

 

—Sodes a hostia, non tedes nin educación, nin sabedes o que é o  xogo limpo, me cago en tódolos santos e mais  no dios que vos fixo.

Veña ide para casa castróns, que xa falarei eu con don Crisanto e co sarxento da garda civil.

 

E despois, a cousa amañouse a mar de ben!